Martes, 16 Outubro de 2018

Caldoval estrea un novo curso con máis obradoiros e actividades para grupos

/ Luns, 08/10/2018 - 15:24
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

As visitas guiadas gratuitas desenvólvense tódolos sábados e domingos, ás 11.00, 13.00, 16.00 e 18.00 horas.

O Centro de Interpretación de Caldoval estrea un curso cheo de novidades. Desde este mes de outubro o horario de apertura volve a ser de venres a domingo, de 10.30 a 14.00 e de 16.30 a 20.00 horas, quedando os venres adicados ás visitas de colexios e a fin de semana para o público en xeral. As visitas guiadas e os obradoiros didácticos son abertos e gratuitos para todas as persoas interesadas e unha opción moi acaída para as familias. O centro recibiu no seu primeiro ano a máis de 7.000 visitantes.

 
1193
 

Aos obradoiros “Pintores/as de Roma”, “Artistas dos mosaicos”, “O perfume do César” e “Ludi romani”, que xa estaban na oferta de Caldoval, súmanse agora “Un día na palestra”, no que se aprenden e practican xogos e deportes romanos de exterior na recén inaugurada cancha de xogos de Caldoval; “Xoiería romana”, no que os participantes coñecen as características de orfebrería romana e fabrican unha pequena xoia; e “A cociña de Apicio”, no que nenos e nenas aprenden os principios culinarios dos romanos de hai 2.000 anos.

A concelleira de Cultura, Lola González, explicou que a estratexia na xestión de Caldoval é facer do xacemento un referente para o coñecemento e divulgación da cultura romana, e nomeadamente do relacionado cos valores termais, e tamén “un elemento dinamizador da cultura en Mugardos e a súa contorna, de maneira que o público atope moitas actividades e propostas para voltar ao centro en repetidas ocasións”.

Na web do Centro de Interpretación de Caldoval poden consultarse as idades ás que van dirixidas cada unha destas actividades e mesmo descargar o dossier didáctico. Tanto os colexios e institutos como o público en xeral poden chamar ao 687 072 116 en horario de apertura ou enviar un mail a info@museocaldoval.gal para apuntarse a unha visita guiada. Desenvólvense os sábados e domingos, ás 11.00, 13.00, 16.00 e 18.00 horas. 

Os obradoiros para familias e persoas interesadas celébranse ás 12.00 e ás 17.00 horas. Tamén os sábados e os domingos, as familias poden apuntarse a facer o xogo de pistas “O Tesouro de Caldoval”.

No pasado mes de setembro, con motivo da celebración do primeiro aniversario desde a apertura do centro, lanzouse o Club de Amigos/as de Caldoval, cuxos integrantes teñen un carné e son informados de todas as actividades.