Luns, 17 Decembro de 2018

A Xunta de Goberno aproba o prego de licitación das obras do pavillón do Cristo, por máis de 245000 euros

/ Luns, 08/10/2018 - 09:01
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A alcaldesa, Pilar Díaz, destaca a importancia da intervención, que permitirá dotar ás instalacións de accesibilidade e dunha nova sala de usos múltiples de 100 metros cadrados.

A Xunta de Goberno Local do Concello de Mugardos aprobou o pasado xoves o prego de condicións para sacar a concurso un importante paquete de obras de mellora no pavillón municipal do Cristo. A inversión ascende a 245449,44 euros, dos que a Deputación achegará 122163,61 euros e o resto, algo máis da metade, correrá a cargo de fondos municipais. A alcaldesa, Pilar Díaz Otero, subliña que a intervención fará a instalación accesible, o que permitirá acoller actividades e competicións de deporte adaptado, e servirá para habilitar novos espacios para clases de baile, tai-chi e outras actividades que os demandan así como proporcionará mellores condicións de habitabilidade, en xeral, para as moitas persoas que utilizan o pavillón.

Actualmente o pavillón do Cristo ten os vestiarios e os aseos separados do edificio principal, na súa traseira, de maneira que as persoas que usan a instalación teñen que cruzar por fóra, unha zona descuberta, para acceder a eles. O proxecto que o Concello saca agora a licitación que permitirá cubrir toda esta zona, habilitando nela unha sala de usos múltiples de 100 metros cadrados de superficie, que servirá para acoller actividades como o kárate, tai-chi ou clases de baile que agora se desenvolven en diferentes lugares do municipio.

O proxecto contempla ademais a execución de baños e vestiarios accesibles e a ampliación do actual almacén, así como a conexión das instalacións a internet.

O goberno local de Mugardos ten investido recentemente outros 28000 euros - o 80% aportado pola Deputación a través dun convenio, e o resto con fondos municipais - na colocación de novas bancadas no pavillón e no arranxo dos canos de recollida de auga.