Martes, 16 Outubro de 2018

O Concello de Mugardos remite a Costas a memoria valorada da senda peonil da Bestarruza ao Baño

/ Xoves, 11/10/2018 - 08:54
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A intervención, que poderá acollerse ao fondo estatal para a recuperación do litoral, está valorado en preto de 657.000 euros.

O goberno local de Mugardos vén de enviar á Demarcación de Costas a memoria valorada para o desenvolvemento do proxecto de “Rehabilitación ambiental do borde marítimo entre a praia da Bestarruza e a enseada do Baño”, dirixido a pór a disposición da cidadanía a devandita liña de costa na marxe sur da ría e o seu gran valor natural e paisaxístico. A alcaldesa, Pilar Díaz Otero, explicou que a memoria estima o presuposto da intervención en preto de 657.000 euros, exactamente 656.946,74 euros, e lembrou que se trata dunha actuación longamente solicitada pola veciñanza de Mugardos.
 
Como xa se informara, o Concello de Mugardos e Demarcación de Costas mantiveron no seu momento conversas para poñer en marcha os trámites cara á consecución do proxecto, que poderá acollerse ao programa orzamentario habilitado pola administración central para acometer intervencións deste tipo no litoral. Así, o Concello elaborou a memoria valorada cinguíndose ás directrices facilitadas por Costas, e dacordo coa Instrución para o Tratamento do Borde Costeiro, ditada pola Dirección Xeral de Sostenibilidade da Costa e o Mar do Ministerio de Transición Ecolóxica.
 
Na memoria enviada á Demarcación de Costas faise unha proposta de intervención que parte da praia da Bestarruza e chega ata o peirao do Baño. Na parte do areal contémplase o arranxo das escaleiras que baixan desde O Peteiro e a revisión das súas condicións de seguridade, así como a rehabilitación da antiga fábrica de salazón para a súa integración no conxunto. O percorrido terá partes de paseo de madeira e outras de senda peonil de terrizo estabilizado e habilitaranse en varios puntos, onde a topografía o permite, miradores e áreas de lecer para gozar da paisaxe e a natureza. Haberá tamén varios accesos no itinerario, xunto cos da Bestarruza e O Baño. Neste último punto está prevista a recuperación do antigo peirao e o soterramento do tendido eléctrico de media tensión.
 
Segundo explicou Pilar Díaz, unha vez que Demarcación de Costas dea o seu visto bo á memoria presentada, o Concello poderá elaborar o proxecto.