Martes, 20 Novembro de 2018

O Goberno Local remite á Xunta o borrador da conexión viaria e peonil do Porto e as Casas Baratas

/ Xoves, 25/10/2018 - 09:38
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/
O proxecto contempla a creación dun acceso con dous carrís para o tráfico rodado, unha beirarrúa e un carril bici, así como dúas sendas peonís, unha polo borde litoral e outra aproveitando o espazo libre xa contemplado no actual PXOM.
A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz Otero, remitiu onte á Dirección Xeral de Calidade Ambiental da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio o borrador da que sería a modificación puntual número 15 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que ten por obxecto abrir un vial de conexión entre o Porto e a rúa Catroventos, nas Casas Baratas. A rexedora local explicou que é un devezo da poboación de Mugardos contar con este acceso para dar continuidade ao tráfico do porto, “evitando o retorno de vehículos pola fachada marítima e avanzando así no obxectivo de peonalizala”.
 
A documentación aportada á Xunta inclúe o Borrador de Planeamento e o Documento Ambiental Estratéxico. O novo vial conectará o final do peirao e as Casas Baratas e representa dar continuidade a un trazado xa iniciado e contemplado no PXOM que está sen rematar. Proxéctase un vial de doce metros de ancho, no que haberá dous carrís para o tráfico rodado (3,50+3,50m), unha beirarrúa de 2,30 metros e un carril para bicicletas de 2,70 metros.
 
Xunto coa estrada para o tránsito de tráfico rodado, o proxecto prevé tamén a habilitación de dúas sendas peonis. Unha delas irá polo borde litoral e outra conectará tamén o porto coas Casas Baratas aproveitando o Espazo Libre contemplado no PXOM.
 
Pilar Díaz subliñou que o obxectivo é desconxestionar de tráfico a zona do peirao facilitando a entrada e saída de forma independente á zona que se pretende peonalizar. A senda peonil pola beira do mar, ao igual ca da Bestarruza ao Baño, avanzará na liña de poñer a disposición da cidadanía a riqueza natural e paisaxística do litoral mugardés e sumará un atractivo turístico indubidable á vila.
 
Na documentación aportada o Concello de Mugardos argumenta a consideración que o proxecto pode tramitarse cunha avaliación ambiental estratéxica simplificada.