Martes, 20 Novembro de 2018

O Concello de Mugardos espera o informe da Xunta do xacemento romano de Noville cara a súa posta en valor

/ Luns, 29/10/2018 - 08:54
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

Medio cento de persoas participaron este sábado 27 na II Xornada sobre Mugardos Romana no Centro de Interpretación de Caldoval.

A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz Otero, inaugurou este sábado a II Xornada sobre Mugardos Romana no Centro de Interpretación de Caldoval, á que asistiron unhas 50 persoas e que afondou na importancia doutros xacementos romanos da vila, en particular o de Noville. A alcaldesa destacou o dinamismo do centro, que vén de incorporar novos obradoiros e que traballa para se incorporar á asociación de espazos museísticos atlánticos, e explicou que o Concello espera recibir en breve o informe da Xunta sobre o xacemento de Noville, paso necesario cara a súa posta en valor.
 
O primeiro relator, David Fernández Abella, falou dunha investigación feita hai seis anos e de alcance modesto na zona de Santa Lucía, onde está a Igrexa de San Vicente de Meá. Segundo explicou, as prospeccións visuais e magnéticas permitiron comprobar a existencia de restos dun muro romano de máis de 60 metros de lonxitude, dun solo romano e do derrubo dun tellado romano.
 
De especial interese foi o relatorio de Fermín Pérez Losada sobre o xacemento de Noville. O arqueólogo participou hai trinta anos nas dúas campañas arqueolóxicas que serviron para descubrir unha vila romana de tipo atlántico, de 1.000 metros cadrados de pranta, cun complexo termal moi similar ao de Caldoval. Excavouse un 5% da vila, pero a prospección xeográfica permitiu coñecer con exactitude por onde ían os muros e cales eran as estancias. Segundo dixo, Noville conta con todos os elementos precisos para facer aconsellable que se continúen as excavacións e se faga unha posta en valor dos restos in situ. Pérez Losada destacou que no norte de Galicia non hai outro lugar como o litoral do Golfo Ártabro en canto a profusión de restos romanos, o que fala da importancia do comercio romano na zona.
 
Roberto Pena Puentes, xefe do Servizo de Arqueoloxía da Xunta, explicou o papel da Xunta na posta en valor deste tipo de patrimonio cultural. Segundo dixo, hai unha base documental de 19.000 xacementos arqueolóxicos censados na comunidade, aos que se suman outros 500 subacuáticos no seu litoral.
 
A xornada rematou cun debate entre os poñentes, moderado por Susana Ricart, que no seu día dirixiu as excavacións de Caldoval.
 
Xa pola tarde celebrouse un obradoiro didáctico, para maiores e pequenos, sobre a escritura en tempos dos romanos, que dirixiu o experto Fernando Lillo.
 
Imaxes do evento:
 
1217
 
1218