Martes, 20 Novembro de 2018

O Centro Francisco Vizoso de Franza acolleu a inauguración do programa "Reinicia V"

/ Mércores, 31/10/2018 - 14:54
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/es

Un total de vinte persoas desempregadas formaranse, durante os vindeiros nove meses, nas especializadades de atención sociosanitaria a domicilio e carpintería.

O Centro de Formación Francisco Vizoso, en Franza, acolleu onte a inauguración do programa Reinicia V, promovido polos concellos de Mugardos, Ares, Fene, Cabanas e Neda e subvencionado pola Xunta de Galicia, coa finalidade de facilitar a integración laboral de persoas en situación de desemprego. Durante os vindeiros nove meses desenvolveranse dous obradoiros, un de “Atención Sociosanitaria a persoas a domicilio” e outro de “Traballos de Carpintería e Moble”, coa participación de vinte persoas desempregadas en cada un que obterán, ao finalizar, o seu certificado de profesionalidade.
 
A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, deu a benvida a todos os participantes nestas accións formativas e desexoulles o máximo aproveitamento no programa, así como que este sexa a porta que lles dea paso a un posto de traballo. No centro Francisco Vizoso no que onte se reuniron os alumnos e alumnas cos docentes e representantes dos municipios implicados van desenvolverse as clases da especialidade de “Atención Sociosanitaria a persoas a domicilio”, de nivel II. As dez persoas que participan nesta acción formativa realizarán prácticas nos servizos de axuda domiciliaria dos cinco concellos implicados.
 
Pola súa banda, os dez alumnos e alumnas da especialidade de Carpintería, de nivel I, recibirán as clases en
instalacións do Concello de Fene e realizarán prácticas desenvolvendo os traballos solicitados polos concellos
participantes, que aportarán en cada caso os materiais necesarios.
 
Xunto con Pilar Díaz, acudiron onte á inauguración o alcalde de Neda, Ángel Alvariño; o alcalde de Cabanas,
Germán Castrillón, e o concelleiro Luis Cendán, de Ares.
 
1224