Martes, 20 Novembro de 2018

Aprobado o expediente de contratacións das obras de mellora da rúa Areosa

/ Venres, 02/11/2018 - 13:16
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O orzamento é de máis de 59600 euros e a actuación conta co apoio do POS Adicional 2018 da Deputación da Coruña.

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o expediente de contratación das obras de mellora da rúa Areosa, cun orzamento de 59685,50 euros que correrán a cargo do POS Adicional 2018 da Deputación da Coruña (47000 euros) e do propio Concello (os 12685,50 euros restantes).

A alcaldesa, Pilar Díaz Otero, explicou que é unha intervención que forma parte do programa de posta ao día dos camiños de titularidade municipal, no que se teñen investido nos derradeiros dous anos máis de 1,5 millóns de euros.

A rúa Areosa parte da intersección con Casás e conecta coa rotonda da estrada AC-133 á altura do Pazo de Rilo. É un vía de 800 metros de lonxitude que ten un ancho medio de 8,50 metros. A obra consistirá en levantar o firme actual e preparar a superficie para unha nova capa de asfalto do grosor e a calidade precisa para garantir que dure durante uns dez anos.