Martes, 20 Novembro de 2018

O Concello achega a súa petición de desafectación de terreos á Mesa de Traballo de Asuntos Portuarios

/ Venres, 02/11/2018 - 08:22
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A alcaldesa, Pilar Díaz, subliña que se trata de espazos sen uso portuario e totalmente integrados na zona urbana e na vida cotiá do municipio.

O Concello de Mugardos vén de remitir á Mesa de Traballo de Asuntos Portuarios a documentación precisa para definir a súa solicitude de desafectación de terreos de dominio público portuario. A alcaldesa, Pilar Díaz, subliñou que se trata de “espazos que hoxe en día non teñen uso portuario, que están integrados na zona urbana e que son fundamentais na articulación da vida cotiá da cidadanía desta vila”, polo que espera que poidan pasar a ser de titularidade municipal. Deixarían así de depender, segundo explicou, das limitacións que supón o decreto de actividades autorizables aprobado por Portos en outubro de 2017, que para Mugardos se traduciu na imposibilidade de desenvolver a Milla Nocturn e outras actividades.

A Mesa de Traballo de Asuntos Portuarios constituiuse recentemente para abordar, entre outras cousas, o estudo de posibles desafectacións de terreos de dominio público portuario. Está integrada por Portos de Galicia, as consellerías do Mar e de Facenda, a Dirección Xeral de Administración Local e a Fegamp. O Concello de Mugardos traballa desde hai tempo da man da Fegamp para avanzar neste tema, e de feito a federación xa trasladou ao grupo recén creado a súa proposta.

Tal como agora se expresa, con maior detalle na nova documentación enviada, o goberno local reclama a desafectación de toda a fachada marítima, desde o Club de Remo ata a final do aparcadoiro no Parque da Constitución.