Martes, 20 Novembro de 2018

Aprobado o expediente de licitación do proxecto de mellora nos Camiños Ancho, do Lavadoiro e Roibeiras

/ Mércores, 07/11/2018 - 08:52
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A actuación está orzamentada en máis de 57.600 euros e conta cunha axuda da Deputación.

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o expediente de licitación do proxecto de mellora dos Camiños Ancho, do Lavadoiro e Roibeiras, os tres ubicados no lugar de Simou, cun orzamento de 57.641,39 euros. Segundo explicou a alcaldesa, Pilar Díaz, é outra das actuacións encadradas no plan de mellora de camiños municipais, no que se leva investido máis de 1,5 millóns de euros nos últimos dous anos. Neste caso, a intervención financiarase en preto dun 84% cunha axuda do POS Adicional 2018 da Deputación da Coruña e o resto con cargo a fondos municipais.
 
Ao igual que as outras actuacións que se veñen desenvolvendo nos últimos dous anos noutros camiños municipais, farase unha pavimentación de grosor e calidade suficiente para garantir a súa durabilidade durante máis de dez anos.
 
O Camiño Ancho percorre 227 metros de lonxitude, mentres que o do Lavadoiro, a continuación, ten 373 metros de largo. O de Roibeiras, que chega ata a estrada CP-0403 no límite do Concello, ten 502 metros. Os tres viais teñen 3,50 metros de ancho medio e todos están en Simou. As obras consistirán na limpeza e rebacheo, a posta dunha nova pavimentación e a señalización.
 
1231
 
1232
 
1233