Mércores, 19 Decembro de 2018

A Garda Civil manifesta o seu interese en trasladarse de inmediato ao novo cuartel de Mugardos

/ Xoves, 08/11/2018 - 08:57
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O xefe da Comandancia da Coruña considera que a capacidade das instalacións posibilita o aumento dos axentes e os recursos para convertilas en referencia para a comarca.

O Concello de Mugardos recibiu onte a visita da subdelegada do Goberno, Pilar López-Rioboo Ansorena, e do coronel xefe da Comandancia da Garda Civil da Coruña, Francisco Javier Jambrina Rodríguez. Ambolos dous asistiron a unha reunión da Xunta Local de Seguridade e tiveron ocasión de coñecer as instalacións do novo cuartel da Garda Civil, cuxas obras estarán rematadas este mes. Segundo manifestou o coronel Jambrina, o novo edificio non so garante a permanencia da Garda Civil en Mugardos, senón que a súa capacidade fai posible que no futuro se reforcen os axentes e os recursos destinados a este cuartel para convertilo nunha referencia dentro da comarca.
 
A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, explicou que o encontro serviu para poñer de manifesto a coincidencia
de tódalas partes implicadas no interese de axilizar ao máximo o traslado do Cuartel da Garda Civil, que agora
ocupa un baixo alugado polo Concello de xeito provisional. Así, o goberno local ten previsto recepcionar este mesmo mes as obras e enviar de inmediato a documentación e a acta de entrega do edificio ao Ministerio de Interior. Pola súa banda, Jambrina Rodríguez expuxo a intención da Garda Civil de poñer en marcha todos os preparativos para o traslado, coa finalidade de que se produza canto antes.
 
Taxa de criminalidade e cooperación
 
O encontro serviu para poñer de manifesto a baixa taxa de criminalidade que ten Mugardos. Na vila é do 22,06% frente ao 27,4% que se rexistra en Galicia e ao 43,9% de España. A proxección que tamén presentaron os responsables para o presente ano 2018 mantense, igualmente, por debaixo das medias autonómica e estatal.
 
Igualmente, a reunión permitiu avanzar en materia de colaboración entre a Policía Local e o resto dos corpos
de seguridade. Así, e tal como explicou a alcaldesa, reforzaranse especialmente as liñas de cooperación na loita contra o furtivismo e no eido da violencia de xénero.
 
Pilar Díaz comentou que o marisqueo e a pesca ilegais son cuestións trascendentes para unha vila como Mugardos, non so pola poboación que vive directamente destas actividades senón tamén pola importancia que, indirectamente, ten o turismo gastronómico asociado a elas.
 
Por outra banda, a localidade rexistrou catro casos de violencia contra as mulleres o pasado ano, o que representa un índice alonxado do que se rexistra de media, pero as partes coincidieron na necesidade de seguir traballando e intensificar esforzos para a erradicación destes delitos.