Martes, 20 Novembro de 2018

Aprobado o proxecto técnico de mellora da rede de iluminación do Baño ao Castelo da Palma

/ Venres, 09/11/2018 - 08:44
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O goberno local acomete con fondos propios a intervención máis urxente, despois de que a Xunta rexeitara a solicitude de axudas para facer un proxecto máis ambicioso.

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o proxecto técnico de mellora da eficiencia enerxética no alumeado do núcleo da Redonda, ao que se destina un orzamento de 29.993,50 euros de fondos municipais. Segundo informou a alcaldesa, Pilar Díaz Otero, o Concello tiña previsto acometer unha actuación máis ambiciosa contando coas axudas do Fondo de Compensación Ambiental. Porén a solicitude presentada a primeiros de ano, conxuntamente con Ares, veu rexeitada, de maneira que o Concello vai facer as obras que se consideran máis urxentes.
 
O proxecto contempla a substitución das lámpadas actuais, de vapor de sodio, por outras novas de tecnoloxía led, así como o cambio dos postes, o tendido aéreo e as caixas que estean deterioradas desde a ponte do Esteiro, na zona do Baño, ata o castelo da Palma, todo ao longo da estrada, pola Redonda de Abaixo e incluída, tamén, a intersección co vial que vai desde O Baño cara a Cervás. A intervención tamén abrangue o reforzo do cadro eléctrico da Redonda.
 
Pilar Díaz explicou que a profusión de árbores nesta zona fai que moitas veces, co vento, as polas batan contra o cableado e se produzan frecuentes caídas do suministro. O proxecto mellorará sustancialmente a eficiencia enerxética da rede, xa que a tecnoloxía led consegue a mesma luz con menos da metade da potencia eléctrica. Son lámpadas que reducen a contaminación lumínica, o consumo e o gasto en mantemento. Segundo comentou a alcaldesa, “o goberno local espera executar a obra durante o mes de decembro e paliar así as incomodidades que causa a situación actual á cidadanía”.
 
1235