Mércores, 19 Decembro de 2018

Mugardos En Negro contra as Violencias

/ Martes, 13/11/2018 - 09:04
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A alcaldesa asinou o protocolo onte na praza do Obradoiro, en Santiago.

A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz Otero, e a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Lola González, participaron onte en Santiago de Compostela, na sinatura do protocolo de colaboración na campaña “En Negro Contra as Violencias” xunto con outros 101 concellos galegos e tres deputacións provinciais. O acto tivo lugar no Concello compostelán e posteriormente os asistentes fixeron unha foto de familia na praza do Obradoiro.

Pilar Díaz foi unha das alcaldesas que tomou a palabra para subliñar a importancia desta acción conxunta que pretende tinguir Galicia de negro para sensibilizar á cidadanía contra as violencias machistas y en prol da igualdade, no marco do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se celebra o día 25 deste mes de novembro.

Na súa intervención, a alcaldesa explicou que Mugardos conta nestes momentos con catro mulleres que ten denunciado agresións machistas e ás que se lles está facendo un seguemento. Díaz subliñou a importancia da cooperación entre as administracións locais, non so nesta campaña puntual, senón no traballo a prol da igualdade. “É o momento de analizar se todo este esforzo está a chegar a todas as estruturas da sociedade”, considerou, alertando tamén de que non se pode contemplar a violencia física, exclusivamente, senón que é preciso erradicar todos os tipos de violencia, na linguaxe, nas diferencias salariais, nos medios de comunicacion...

No protocolo asinado lémbrase que desde o ano 2008 e segundo datos do Instituto da Muller, en Galicia houbo 45 mulleres asasinadas. No que vai de ano, a violencia machista acabou tamén coa vida de dez menores na comunidade e se está a constatar que esta lacra se pon de manifesto cada vez a idades máis temperás.

O protocolo compromete aos concellos a colaborar na campaña “En Negro contra as Violencias” traballando na sensibilización da cidadanía e na implicación do tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, así como na promoción da transversalidade de xénero e na identificación das expresións verbais que están detrás dos comportamientos machistas a través dos materiais da campaña.

Actos do 25-N

No marco das actividades con motivo do 25 de novembro, o Concello de Mugardos organiza para o vindeiro día 17, ás 19.00 horas no salón de plenos, a presentación do libro “Invisible: teoría y práctica de mi suicidio”, da xornalista ferrolá Carolina Pernas. O libro, editado por Embora, é un relato en primeira persoa e en clave de humor do suicidio dunha muller gris e anodina, que quere irse deste mundo executando algunhas vinganzas e cunha boa posta en escena.

O día 23 de novembro, ás 19.00 horas no Casino Mugardés, terá lugar outro acto no marco do 25-N. Marta Ortiz e Sofía Espiñeira porán en escea a obra “Matrioskas”, unha sucesión de contos e música sobre mulleres.

 
1236