Domingo, 21 Xullo de 2019

O Goberno Local lamenta unha nova cuarta poxa da Cámara Agraria en lugar da súa venda directa ao Concello

/ Mércores, 14/11/2018 - 09:49
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/
A alcaldesa, Pilar Díaz, di non entender o motivo toda vez que Facenda xa aceptou o prezo establecido na taxación da administración municipal.
A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz Otero, lamenta que a Consellería de Facenda optase finalmente por abrir unha cuarta poxa pola Cámara Agraria, en lugar de pechar unha venda directa co Concello. “Non chegamos a entender este procedemento, unha vez que aceptaron o prezo establecido polo Concello –dixo a rexedora local-; desta maneira córrese o risco de que a propiedade non quede nas mans públicas e a dilación en resolver a operación permitirá que continúe o seu deterioro”.
 
O Diario Oficial de Galicia do pasado venres publicaba o anuncio da Consellería de Facenda, a través da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio, polo que se abre un prazo de tres meses para a presentación de propostas de compra sobre o ben inmoble, sempre e cando iguale ou supere o mínimo fixado, de 38.895,56 euros. Ese é o prezo fixado polo Concello na súa taxación e é a oferta que, segundo acordo da corporación mugardesa, a administración local está disposta a facer.
 
A Cámara Agraria foi obxecto de varias diverxencias en canto a súa valoración por parte da Consellería de Facenda e o Concello de Mugardos. Porén, os informes emitidos pola Secretaría e a Intervención do Concello determinaron no seu día que pagar un prezo maior que o taxado (38.895,56 euros) podería considerarse unha irregularidade. Así, a corporación municipal aprobou axustar a oferta a dita cantidade, que está habilitada nos orzamentos municipais para elo.
 
A Consellería de Facenda, pola súa banda, sacou a propiedade a poxa pública en abril por 80.000 euros de prezo mínimo. Ao quedar deserto o procedemento, ofertouna a 68.600 euros e a 56.500 euros, co mesmo resultado. Despois, ofreceu a compra directa por 56.500 euros ao Concello de Mugardos, que rexeitou a operación por alonxarse do prezo taxado. Posteriormente, e dado que Facenda tiña aceptado que o prezo do inmoble é o marcado pola administración local, desde o goberno de Mugardos instouse á administración autonómica a pechar a venda directa, en senllos escritos enviados a primeiros de agosto e o pasado 28 de setembro.
 
O acordo de cesión da Cámara Agraria, situada en Franza, ao Concello de Mugardos rematou en 2011 e desde aquela o Concello ten investido uns 90.000 euros na rehabilitación da cuberta e outras melloras do edificio. Porén, ao non chegar a acordo con Facenda para a cesión ou a permuta, a institución local devolveu as chaves no seu día e o inmoble sofre desde aquela un considerable deterioro, que segundo explicou Pilar Díaz, agravarase nos vindeiros meses pola demora en resolver a nova poxa.