Mércores, 19 Decembro de 2018

O Concello conta xa co proxecto de reforma para o Mercado Municipal de San Telmo

/ Venres, 16/11/2018 - 18:30
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O goberno local vai propoñer a inclusión desta actuación na solicitude do POS+2019 da Deputación, para poder acometer as obras.

A empresa adxudicataria da redacción do proxecto de reforma do Mercado Municipal de San Telmo vén de entregalo ao Concello, segundo informou hoxe a alcaldesa, Pilar Díaz, que expresou a intención do goberno local de propoñer a inclusión desta actuación na solicitude para o próximo Plan Único da Deputación (POS+2019). A rexedora explicou que é un proxecto consensuado coas praceiras e que é preciso acometer polo mal estado das instalacións actuais. “Son unhas obras importantes para Mugardos, porque permitirán revitalizar o mercado e darlle un novo pulo ao comercio local, ao tempo que suporá un avance máis no proceso de rexeneración do noso casco urbano”, comentou.
 
A empresa Magaral Ingeniería ocupouse de redactar o proxecto, no que se prevé a demolición do edificio anexo á nave orixinal de Ucha. Este “engadido” desaparecerá deixando espazo para un aparcadoiro exterior que en ocasións poderá servir para o desenvolvemento dalgunha actividade e que permitirá conectar de novo, como antigamente, as dúas rúas anterior e posterior á praza de abastos.
 
A nave do arquitecto Rodolfo Ucha pasará a acoller a totalidade dos postos –trasladaranse os dous que agora están no anexo- e terá plena ocupación. Haberá sete puntos de venda de pescado, carne, froita, verdura e flores, máis grandes que os actuais, e habilitarase tamén unha pequena cafetería que actualmente non existe. Os operadores contarán con novos servizos, como unha máquina de xeo comunitaria, e verán anovadas as instalacións eléctrica, a fontanería, a calefacción e as cámaras frigoríficas actuais. O espazo mellorará as súas condicións de habitabilidade e tamén terá máis luz, xa que se vai recuperar o antigo lucernario da cuberta.
 
O investimento preciso para acometer estas reformas é de 240.397 euros e o goberno local confía en contar coa aprobación da corporación para poder incluír o proxecto no POS+2019 e obter así o necesario apoio da Deputación da Coruña nunha actuación desta importancia.