Mércores, 19 Decembro de 2018

Presentación do libro "Invisible: teoría y práctica de mi suicidio", no marco dos actos do 25-N

/ Venres, 16/11/2018 - 18:13
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A xornalista Carolina Pernas falará mañá, ás 19.00 horas no Concello, da súa obra.

A concelleira de Cultura, Lola González, recorda que mañá darán comezo en Mugardos os actos organizados con motivo do 25-N, o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, coa presentación da novela “Invisible: teoría y práctica de mi suicidio”. A autora, a xornalista ferrolá Carolina Pernas, falará da obra e compartirá coas persoas asistentes algúns dos momentos máis divertidos da obra, na que relata en clave de humor o suicidio dunha muller gris e anodina, con moitas venganzas que executar antes de deixar este mundo, moitas delas como castigo pola misoxinia e o machismo. O acto terá lugar no salón de actos do Concello ás 19.00 horas.
 
No marco das actividades con motivo do 25 de novembro, o Concello de Mugardos organiza tamén para o vindeiro día 23 de novembro, ás 19.00 horas no Casino Mugardés, outro acto no marco do 25-N. Marta Ortiz e Sofía Espiñeira porán en escea a obra “Matrioskas”, unha sucesión de contos e música sobre mulleres.
 
A institución municipal sumouse un ano máis a campaña “En Negro contra as Violencias”.