Mércores, 19 Decembro de 2018

A alcaldesa insta ao Invied a axilizar a cesión da estrada da súa titularidade que vai á Bailadora e á Palma

/ Luns, 19/11/2018 - 17:57
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O Concello leva máis de ano e medio esperando pola cesión, que agora pode demorar outro proxecto de saneamento e abastecemento na zona da Redonda.

A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, insta ao Invied (Instituto de Vivienda, Infraestructura y Equipamiento de la Defensa) a que axilice a cesión da estrada que é titularidade do Ministerio de Defensa e que vai desde a ponte do Esteiro hacia o castelo da Palma e as baterías de Santa Catalina. A rexedora local explicou que a transferencia desta estrada é urxente para que a Autoridade Portuaria de Ferrol poida acometer a obra de conexión ao saneamento da Redonda e do abastecemento da baliza da Palma.
 
O Concello de Mugardos acordou coa Autoridade Portuaria de Mugardos que o devandito proxecto incluíra un bombeo que poderá servir para vivendas da zona, así como unha senda peonil pola marxe esquerda do vial. Pilar Díaz explicou que o goberno local comezou traballar en novembro de 2016 na elaboración das memorias técnicas e informes pertinentes. O 10 de xaneiro de 2017 celebrouse unha reunión na Delegación do Goberno con representantes do Ministerio de Defensa, na que se acordou que o Concello tramitase a oportuna petición de cesión. O Concello curso una no mes seguinte e desde aquela transcurriu xa máis dun ano e medio.
 
“Pedimos que nos confirmen a cesión e que clarexen cal é o prazo previsto para formalizala”, explicou a alcaldesa. “É unha cuestión que está a demorar outra actuación de interese para a vila, como é o proxecto de saneamento e abastecemento da Redonda e a baliza da Palma, que vai executar a Autoridade Portuaria”, dixo, engandindo a todo isto que desde hai moitos anos o Ministerio de Defensa non inviste no mantemento do firme da estrada, “que está nun estado lamentable”.
 
O trazado en cuestión discorre a partir do cruce da AC-131 coa estrada da Deputación DP-0403, á altura da ponte do Esteiro, e desdóbrase máis adiante en dous viais, un que vai ao núcleo da Redonda e o Castelo da Palma, e outro que ascende cara á Bailadora, en ámbolos dous casos ata o límite con Ares.