Mércores, 19 Decembro de 2018

O Concello adxudica obras de mellora nos camiños municipais de Boado

/ Venres, 23/11/2018 - 09:31
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/
A actuación contratouse en 78.163 euros, que se financiarán con cargo a fondos municipais.
A Xunta de Goberno Local adxudicou onte as obras de mellora dos camiños municipais de Boado, na parroquia de Santiago de Franza, por un importe de 78.163,87 euros. Segundo informou a alcaldesa, Pilar Díaz Otero, a empresa Rexeneración Ambiental farase cargo da actuación, que se financiará integramente con fondos municipais, e permitirá dar un paso máis no ambicioso programa de posta ao día dos viais de titularidade municipal no que se teñen executados máis de millón e medio de euros desde hai dous anos.
 
Os camiños de Boado que están incluidos neste proxecto abranguen catro tramos diferenciados. O primeiro ten unha lonxitude de 495 metros e un ancho variable de entre 3,50 e 4 metros; o segundo ten 290 metros de largo e o ancho máis escaso de todos, entre 3 e 3,50 metros; o terceiro percorre 340 metros cunha anchura inicial de catro metros e despois de 4,50 e o último, que parte da rúa Celso Emilio Ferreiro, suma 190 metros e ten un ancho medio de 3,50 metros.
 
A actuación consistirá na limpeza de gabias, recheo de fochancas e a aplicación dunha nova capa de asfalto mellor que a actual, coa finalidade de garantir a durabilidade da intervención. No tramo de camiño con menor ancho tratarase de aproveitar toda a plataforma dispoñible coa finalidade de facilitar o tráfico.