Venres, 22 Marzo de 2019

Actividades de Nadal 2018

/ Mércores, 28/11/2018 - 18:14
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

Os espectáculos para o público infantil e os concertos-baile protagonizan o programa.

A concelleira de Cultura, Lola González, informou hoxe en comisión do programa de actividades de Nadal deste ano, no que terán especial protagonismo os espectáculos para o público infantil e familiar e a música, capítulo no que destacou dous concertos-baile os días 4 e 6 de xaneiro. A edil subliñou que o programa ten o devezo de ofrecer espazos para o divertimento e a convivencia a toda a veciñanza, así como ás persoas doutros municipios que se acheguen a Mugardos nesas datas.
 
O programa comezaráxa o 6 de decembro co ciclo de teatro da Sociedade de Amigos da Paisaxe Galega do Seixo, que conta coa colaboración do Concello de Mugardos. O programa abrirase coa estrea da obra “Rosalía, poeta na beira do mar”, unha peza escrita expresamente por Eugenia Sanmartín para o grupo afeccionado da asociación, Teruca Bouza, na que se recrea a relación que mantivo a poeta con estas terras. A cita será o xoves, día 6, ás 20.00 horas.
 
A concelleira de Cultura, Lola González, lembrou que a posta en escea destapeza forma parte dun programa máis amplo en torno a Rosalía de Castro e á vinculación que mantivo co Seixo. Os investigadores Henrique Sanfiz, Jorge Gómez, Miguel Rodríguez e Xan Carneiro ultiman a publicación dun libro no que se fala desa relación, que inspirou uns versos da obra “Cantares galegos”. “A estrea da peza teatral é outro paso máis nesta iniciativa para o coñecemento da poeta e das xentes do Seixo coas que tivo unha estreita amizade”, explicou a edil.
 
En canto ás ACTIVIDADES INFANTÍS, estas comezarán xa o 5 de decembro, o vindeiro mércores, ata o 7 de xaneiro e incluirán distintas propostas, todas de entrada libre e gratuíta. Como son Obradoiros, espectáculos de maxia, monicreques...etc. (Consulta tódolos espectáculos no programa de festas)
 
O día 5 de xaneiro será a Festa dos Reis, ás 18.00 horas, recepción aos Reis Magos no Casino Mugardés, que a continuación comezarán o seu percorrido polo Seixo, o Casino de San Xoán e o de Franza. Ás 19.00 horas, no Casino, actuación de Gramola Gominola, unha banda de rock para o público pequeno.
 
Os ESPECTÁCULOS MUSICAIS de diferentes estilos tamén ocupan un capítulo importante no calendario de actividades de Nadal en Mugardos. Comezan o 21 de decembro co Concerto de Nadal da Escola de Música Municipal. Ás 17.00 horas no Casino Mugardés. (Consulta tódolos espectáculos no programa de festas)
 
Para o remate de ano, o 31 de decembro, nas horas nas que os mugardeses e mugardesas adoitan brindar nos establecementos hostaleiro do porto, haberá unha sesión pirotécnica. Os fogos artificiais lanzaranse desde o peirao vello ás 20.00 horas.
 
O DEPORTE ten o seu espazo no programa, comezando o día 23 de decembro co Baile de Nadal das Escolas Municipais, ás 12.00 horas no Pavillón do Cristo. Tamén haberá distintas actividades no Complexo Acuático de Castro, con obradoiros especiais para nenos e nenas. (Consulta tódolos espectáculos no programa de festas)
 
As instalacións pecharán o 24 e 31 de decembro e o 5 de xaneiro pola tarde, e o 25 de decembro e 1 de xaneiro todo o día. Inscripcións na piscina municipal ou chamando ao 981 469 765.
 
Para as persoas MAIORES prográmase a tradicional merenda, o día 15 de decembro, ás 18.00 horas no Local Social. Ao día seguinte actuará alí, a partir das 19.00 horas, a Rondalla Mugardesa. O mesmo lugar acollerá tamén o día 19 de decembro, ás 18.00 horas, a mostra de baile de Sevillanas, iniciativa da Asociación de Amas de Casa.
 
O grupo de Teatro de Maiores, por último, acompañará aos nenos e nenas da Escola Infantil Municipal das Lagoas no seu festival de Nadal, o día 20 de decembro, no que representarán xuntos a obra “O misterio dos Reis Meigos”. Ás 18.30 horas no Casino Mugardés.
 
O CENTRO DE INTERPRETACIÓN DE CALDOVAL ten preparadas tamén para as vacacións de Nadal actividades especiais. O centro abrirá as súas portas tódolos días do 26 ao 30 de decembro e do 2 ao 5 de xaneiro, de 10.30 a 14.00 horas, e de 16.30 a 20.00 horas, con visitas guiadas ás 11.00, 13.00, 18.00 e 19.00 horas e obradoiros didácticos ás 12.00 e ás 17.00 horas. 
 
Os días 22, 23, 27 e 28, ás 17.00 horas, desenvolverase o obradoiro “Elaborando agasallos para a festa romana das saturnais”, e os días 2 e 4 de xaneiro o taller de cerámica “Modelando o barro como na antiga Roma”. Inscrición gratuíta chamando ao 687 072 116 ou enviando un mail a info@museocaldoval.gal.
 
A continuación achegamos todo o programa de festas de Nadal 2018 de Mugardos.
Arquivo engadido: