Mércores, 19 Decembro de 2018

O Goberno Local celebra que o Sergas vaia a investir na mellora das instalacións do Centro de Saúde

/ Mércores, 28/11/2018 - 19:24
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A administración autonómica cambiará o tellado e a carpintería e realizará outras melloras encamiñadas a facer máis eficiente enerxéticamente o edificio.

A concelleira de Servicios Sociais de Mugardos, Lola González, informou de que o Concello vén de recibir o proxecto do Sergas para a mellora da eficiencia enerxética do Centro de Saúde. A edil celebrou que a cidadanía “por fin terá un centro en condicións, aínda que non podemos deixar de reclamar a cobertura de profesionais de todas as categorías durante as súas ausencias, para que non haxa un envoltorio sen contido, é dicir, sen o máis importante que é a atención sanitaria”.
 
O proxecto “Substitución de cuberta e mellora da envolvente térmica do Centro de Saúde de Mugardos” incluirá o cambio do actual tellado e de toda a carpintería de aluminio, así como a colocación dun revestimento nas fachadas cegas do edificio para o seu aillamento. Tamén se cambiará a actual caldeira eléctrica por unha de gas e as lámpadas incandescentes por luminarias tipo led, máis eficientes enerxeticamente.
 
Lola González agradeceu o cambio de actitude do Sergas en canto ao investimento no Centro de Saúde, lembrando que despois de anos nos que o Concello tivo que asumir todo o gasto, o organismo autonómico asinou en xuño de 2017 o traspaso da titularidade do edificio, construído en 1986, e que despois diso investiu na realización dunhas obras para mellorar a accesibilidade, ás que agora se sumarán as novas para a eficiencia enerxética.