Mércores, 19 Decembro de 2018

O Ciclo de Teatro do Seixo acolle este xoves a estrea da peza "Rosalía, poeta na beira do mar"

/ Martes, 04/12/2018 - 14:30
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A obra recrea a relación que mantivo a poeta con estas terras, que deixou patente nuns versos de “Cantares Galegos”.

A Sociedade de Amigos da Paisaxe Galega do Seixo acollerá do 6 ao 9 de decembro o seu ciclo de teatro, un programa impulsado pola entidade coa colaboración do Concello de Mugardos. O programa abrirase este xoves coa estrea da obra “Rosalía, poeta na beira do mar”, unha peza escrita expresamente por Eugenia Sanmartín para o grupo afeccionado da asociación, Teruca Bouza, na que se recrea a relación que mantivo a poeta con estas terras. A cita será ás 20.00 horas, con entrada libre.
 
A concelleira de Cultura, Lola González, lembrou que a posta en escea desta peza forma parte dun programa máis amplo en torno a Rosalía de Castro e á vinculación que mantivo co Seixo. Os investigadores Henrique Sanfiz, Jorge Gómez, Miguel Rodríguez e Xan Carneiro ultiman a publicación dun libro no que se fala desa relación, que inspirou uns versos da obra “Cantares galegos”. “A estrea da peza teatral é outro paso máis nesta iniciativa para o coñecemento da poeta e das xentes do Seixo coas que tivo unha estreita amizade”, explicou a edil. O programa adicado a Rosalía abriuse xa no pasado mes de marzo, co descubrimento dunha placa na Avenida do Seixo.
 
O ciclo de teatro do Seixo continuará ao día seguinte, sempre no local da Sociedade de Amigos da Paisaxe Galega, ás oito da tarde e con entrada gratuíta. O día 7 será a quenda do público infantil co espectáculo de monicreques “As aventuras de Gale”, a cargo da compañía A Xanela do Maxín. Esta representación forma parte da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
 
Grupos de teatro afeccionado das Pontes e de Covas protagonizarán as seguintes funcións. O sábado, día 8, O Catre Teatro porá en escena a obra “All you need is war”, unha parodia sobre a guerra e os militares, e o domingo, día 9, O Maxolo escenificará a peza “El Florido Pensil”, unha divertida historia sobre a escola nacional católica da posguerra.
 
1252
 
Fotos do evento:
 
1257
 
1258
 
1260