Mércores, 19 Decembro de 2018

Avanzan as conversas para a sinatura dun Convenio para a recuperación e rexeneración do río Baa

/ Venres, 07/12/2018 - 10:38
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/
A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, e os rexedores locais de Cabanas e Fene mantiveron nos pasados días un encontro coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez.
A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, informou da reunión que mantivo esta semana, xunto cos rexedores locais de Cabanas e Fene, Germán Castrillón e Gumersindo Galego, coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, coa finalidade de avanzar cara a posta en marcha dun proxecto integral de recuperación e rexeneración do río Baa. No encontro acordouse que o organismo autónomo vai tratar agora co Servicio de Conservación da Natureza para articular a sinatura dun convenio no que cada parte asumirá a súa responsabilidade na intervención.
 
Augas de Galicia, pola súa banda, faríase cargo da limpeza do cauce do río, o control da contaminación e da eliminación de puntos de vertido, mentres que os concellos polos que discorre o Baa asumirán a habilitación dunha senda peonil pola zona de paso do río e Conservación da Natureza ocuparase do control das especies alóctonas, xuntoa coa protección e introducción de flora e fauna autóctona. No convenio estableceranse tamén os puntos prioritarios de intervención, dentro dos que se atopa o tramo baixo do río, na súa desembocadura en Beiramar, no Seixo.
 
A alcaldesa, Pilar Díaz, fixo chegar a Augas de Galicia a primeiros de marzo a reclamación dos concellos polos que pasa o río Baa de facer unha intervención integral. A demanda foi acompañada dun detallado informe sobre o estado do cauce fluvial no que se identificaban os seus puntos negros. Pouco despois os técnicos do organismo autonómico fixeron unha vista ao río e saiu adiante o acordo para comenzar a traballar conxuntamente.
 
Pilar Díaz manifestou a súa satisfacción tras a recente reunión con Teresa Gutiérrez, na que se confirmou a vontade de avanzar nesta dirección e concretar as liñas de actuación.