O Concello de Mugardos asinou un ano máis o convenio de colaboración coa Asociación Ferrolá de Drogodependencias (Asfedro) coa finalidade de desenvolver no municipio unha serie de actividades dirixidas á prevención das condutas aditivas. A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz Otero, e a presidenta de Asfedro, Sari Alabau, formalizaron esta semana o convenio nun acto no que tamén participaron a concelleira de Servizos Sociais, Lola González, e tres persoas máis da xunta directiva da entidade, Olga Basterrechea, Clara Alberto Ucha e Francisco Varela.
Segundo explicou Pilar Díaz, o Concello de Mugardos destina a través deste convenio un total de 4.000 euros a financiar actividades de promoción da saúde e prevención das drogodependencias tanto nos centros educativos como noutros eidos, como serán algúns eventos festivos na rúa. Asfedro xa realizou en anos anteriores intervencións nos colexios de Infantil e Primaria, que agora terán tamén continuidade no IES.
A presidenta de Asfedro, Sari Alabau, explicou que a asistencia a drogodependentes é a parte fundamental do labor que desempeña Asfedro, pero que a prevención, que se desenvolve grazas a este tipo de convenios cos concellos da zona, ten tamén unha importancia capital. “Desde o coñecemento, traballamos para que a xente coñeza o perigo que entrañan as drogas e en xeral as adicións, que lamentablemente están moi lonxe de erradicarse”, explicou Alabau, que lembrou que nalgúns aspectos a incidencia das drogas na sociedade está a agravarse nos últimos tempos, dado que cada vez afectan a persoas máis novas.