Martes, 15 Outubro de 2019

O programa "Mugardos Camiña" sairá a Cabanas, Pontedeume e Neda o próximo trimestre

/ Mércores, 26/12/2018 - 10:41
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O programa Mugardos Camiña, que organizan conxuntamente o Concello e a Asociación de Veciños de Montefaro, programa para o primeiro trimestre de 2019 tres saídas por terras de Cabanas, Pontedeume e Neda. 

A concelleira de Cultura, Lola González, lembrou que as saídas de sendeirismo desenvólvense sempre o segundo domingo de cada mes e teñen unha dificultade media, de maneira que están ao alcance da maioría das persoas. De feito, é un programa que ten un grande éxito entre a veciñanza de Mugardos e que mesmo atrae a xente doutros municipios.

Así, a primeira saída do ano 2019 será por terras de Cabanas e Redes, o 13 de xaneiro. Para o 10 de febreiro está prevista unha ruta por Pontedeume, con subida a Breamo incluída, e para o 10 de marzo queda un percorrido por Neda e Xuvia.

As persoas interesadas teñen que inscribirse na OMIX, de 09.00 a 14.00 horas, ou ben chamar por teléfono -981 470 338, extensión 1- ou enviar un correo electrónico a deportes@concellodemugardos.gal.

Habitualmente as persoas participantes quedan ás 10.00 horas no mesmo Concello e adoitan regresar cara as 13.30 horas.