Martes, 20 Agosto de 2019

O Goberno local adxudica obras por valor de máis de 405.000 euros e remata coas contratacións do POS

/ Luns, 31/12/2018 - 11:59
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

Xunto cos cinco proxectos deste ano, resolveuse tamén un do POS Adicional 2017, co que están en marcha todas as actuacións pendentes dos programas provinciais.

A Xunta de Goberno Local deu o pasado venres 28 de decembro luz verde á adxudicación de dúas obras que xunto coas outras tres que aprobou na súa sesión da pasada semana suman un investimento de 375.309,26 euros, correspondente a todas as obras incluídas no POS+2018 da Deputación da Coruña. Na anterior sesión adxudicouse tamén outra actuación por valor de 29.741,80 euros do POS adicional 2017. Son en total seis proxectos que suman 405.051,06 euros de investimento e cuxa execución, segundo informou a alcaldesa, Pilar Díaz Otero, comezará xa no vindeiro mes de xaneiro.
 
Así, o pasado venres aprobouse contratar a reurbanización das rúas Pixigo e Cano á empresa Electricidade Permuy por un orzamento de 130.919,45 euros, e a mellora do Camiño Ancho, o do Lavadoiro e Roibeiras, por valor de 42.670 euros, á empresa Canarga.
 
A primeira destas actuacións servirá para urbanizar e pavimentar Cano da Rúa, Pixigo e a Fonte dos Catro Canos, un espazo situado no casco urbano de Mugardos e moi degradado, no que agora se adecuarán os sistemas de abastecemento e saneamento, se instalará a rede de recollida de pluviais, se actualizarán outros servizos e se instalará unha nova pavimentación. No segundo caso, nos tres camiños situados na zona de Simou actuarase limpando cunetas, recheando fochancas e aplicando un novo firme máis duradeiro.
 
Entre as adxudicacións acordadas na sesión do pasado día 18 está a do proxecto de acondicionamento do CEIP Santiago Apóstol. A empresa Prace gañou o proceso de licitación cunha oferta de 36.395,23 euros. As obras consistirán no arranxo dunha serie de problemas nas cubertas do edificio, que provocaron a aparición de humidades nalgunhas aulas, e no pintado e impermeabilización de todo o inmoble.
 
Tamén quedou daquela adxudicada a mellora dos camiños municipais de San Vitorio e o acceso á Igrexa de San Xoán, obra que executará Electricidade Permuy por 119.550,58 euros. Trátase da adecuación dun vial conformado por catro camiños que parten do mesmo punto e que suman máis de 300 metros de percorrido, xunto coa plaza da capela de San Vitorio e os 145 metros do acceso á igrexa de San Xoán. Igualmente, contratouse a mellora da rúa Areosa, un vial que vai da intersección co Casás ata a rotonda da AC-133 á altura de Rilo, que fará a empresa Francisco Gómez y CIA por 45.774. Ambas as dúas son actuacións encadradras no amplio programa de renovación das pavimentacións de viais de titularidade municipal que vén executando o actual goberno municipal.
 
Xunto con todas as anteriores, correspondentes ao POS 2018, a Xunta de Goberno ten xa contratada a obra de pavimentación das rúas Celso Emilio Ferreiro e Travesía a Boado, incluída no POS Adicional 2017. A empresa Francisco Gómez y CIA executará o proxecto cun orzamento de 29.741,80 euros.
 
A alcaldesa, Pilar Díaz, destacou que con estas últimas adxudicacións antes de que remate o ano, o goberno local conqueriu sacar adiante en prazo todas as obras que obtiveron o apoio da Deputación da Coruña nos programas POS+2017 e POS+2018.