Luns, 14 Outubro de 2019

O 2019 arranca en Mugardos con espectáculos infantís, música e baile

/ Mércores, 02/01/2019 - 15:48
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O Casino Mugardés acolle mañá a función teatral “El Conejo Blanco”, con actores, monicreques e un acompañamento musical ao piano.

O ano cultural en Mugardos arranca con moita vitalidade e actividades para todos os públicos. O infantil está especialmente coidado no programa de Nadal, recordou a concelleira de Cultura, Lola González, que explicou que nos vindeiros días hai varios espectáculos de calidade para el e destacou, tamén, os dous concertos-baile de “Por mí, swing” e “Son boleros”.

Mañá, xoves día 3 de xaneiro, o Casino Mugardés acollerá ás 19.00 horas o espectáculo “El conejo blanco”, unha función teatral baseada na fábula portuguesa na que un pequeno coello trata de volvar a casa. Sobre o escenario, actores e monicreques estarán acompañados pola interpretación ao piano da música creada expresamente para a montaxe. A entrada é libre.

Tamén para o público infantil, este sábado celebrarase no Casino Mugardés a Festa de Reis. Comezará ás seis da tarde e tras a visita dos Reis Magos, ás 19.00 horas, terá lugar a actuación de Gramola Gominola, unha banda de rock para que os pequenos e pequenas canten e bailen.

1300

A programación para os nenos e nenas terá aínda un último acto o día 7, festividade local de San Xiao. Teatro ao Cubo ofrecerá o seu espectáculo de novo circo “Ghop!”, con malabares, monicreques, acrobacias e pinceladas de maxia. Ás 19.00 horas no Casino Mugardés e, como as anteriores citas, con entrada libre.

A música é outro capítulo importante na programación de Nadal de Mugardos. Este venres, día 4, e o domingo 6, festividade de Reis, o Casino Mugardés acollerá as dúas citas máis destacadas do calendario festivo deseñado polo Concello. “Por mí, swing” actuará o venres, ás 22.30 horas. Trátase dunha banda especializada na música swing dos anos 30, 40 e 50, e formada por dúas voces femininas e unha masculina, contrabaixo, saxo, piano, batería e guitarra. O seu espectáculo sempre consegue levantar do asento ao público para bailar. “Son Boleros” ofrecerá o seu concerto o domingo. O cuarteto de contrabaixo, piano, percusións e voz renderá homenaxe ás mellores cancións da música latina e o público tamén poderá bailar ao ritmo dos seus boleros, son cubano, salsa e chachachás. Será a partir das 22.30 horas.

Todos os actos son de entrada libre e gratuíta.

Por outra banda, o Centro de Interpretación de Caldoval abre todos estes días, ata o sábado, de 10.30 a 14.00 horas, e de 16.30 a 20.00 horas, con visitas guiadas ás 11.00, 13.00, 18.00 e 19.00 horas e obradoiros didácticos ás 12.00 e ás 17.00 horas. Hoxe e o venres, día 4, terá lugar un obradoiro especialmente deseñado para estas datas: “Modelando o barro como na antiga Roma”. Inscrición gratuíta chamando ao 687 072 116 ou enviando un mail a info@museocaldoval.gal.