Sábado, 23 Marzo de 2019

O Concello compra tres parcelas no entorno do Zárate para o futuro espazo público do Centro de Mugardos

/ Luns, 07/01/2019 - 08:56
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O goberno segue a negociar co Ministerio a cesión doutras tres fincas na mesma zona.

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adquisición de tres parcelas situadas nas proximidades do cine Zárate, no ámbito de solo urbán non consolidado pertencente a área P-4 do PXOM. Segundo informou a alcaldesa, Pilar Díaz, o Concello investirá 48.968,75 euros na compra destas tres fincas, que suman arredor de 500 metros cadrados, co obxectivo de integralas nunha futura praza chamada a ser “o núcleo da rexeneración urbana do casco histórico mugardés e un espazo de ocio e lecer que cambiará o aspecto de degradación ambiental e urbanística que ten a zona na actualidade”.
 
A compra das tres parcelas é o resultado do proceso de licitación convocado polo goberno local para pasar ao patrimonio municipal terreos situados no centro da vila e nun estado de abandono total, cun presuposto de 89.487,21 euros, ao que os particulares podían presentar as súas ofertas. A valoración das mesmas fíxose por prezo e por ubicación e colindancia.
 
Pilar Díaz explicou que o seu goberno ten a esperanza de poder sumar durante este ano 2019 máis parcelas da mesma zona ao patrimonio municipal “para poder completar o entramado urbanístico e artellar a conexión entre a Avenida de Galicia e o casco antigo, a través de Cano da Rúa e a Rúa da Eira”.
 
No ámbito P-4 do PXOM abrangue once parcelas que suman 1.720 metros cadrados. Ademais do procedemento aberto para a adquisición de fincas a particulares, o goberno local traballa desde hai tempo para chegar a un acordo co Ministerio de Economía y Hacienda, propietario de tres das fincas. O obxectivo, recordou a alcaldesa, é que o Ministerio ceda estas propiedades e contribúa a mellorar o espazo público sacándoas do seu actual estado de maleza e ruína. “Entendemos que o acordo é de xustiza para a veciñanza de Mugardos, porque significaría revertir o patrimonio de mugardeses ao seu propio Concello para uso dotacional e de equipamento”, dixo Pilar Díaz, que explicou que a proposta foi trasladada á subdelegada do Goberno, Pilar López-Riobóo, durante a visita que fixo a Mugardos en novembro pasado.