Xoves, 20 Xuño de 2019

A Campaña de Inverno da Deputación reserva catro prazas para rapazas e rapaces de Mugardos

/ Martes, 08/01/2019 - 16:14
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

Desde o Concello informan que o prazo de inscrición está aberto ata este xoves, día 10.

A concelleira de Deportes, Lola González, informa de que ata este xoves, día 10 de xaneiro, está aberto o prazo para solicitar praza na “Campaña de inverno” da Deputación da Coruña, que un ano máis reserva catro prazas para rapazas ou rapaces de Mugardos con idades comprendidas entre os 11 e os 15 anos –cumpridos antes do 31 de decembro de 2019-. Os beneficiarios poderán ir a practicar esquí á estación de Cabeza de Manzaneda entre o 15 e o 18 de febreiro, de venres a luns.
 
O Concello de Mugardos entra na cuarta quenda do programa, a través do cal a Deputación financia catro días de estadía e práctica do esquí na estación invernal a 500 rapaces e rapazas de toda a provincia. Os beneficiarios terán que pagar 85 euros e terán cuberto o transporte, a estadía, a manutención, os monitores e as clases de esquí, os correspondentes seguros, alugamento de material e remontes mecánicos.
 
Desde o Concello informan de que no caso de que haxa máis inscripción que prazas realizarase un sorteo o mesmo día 10, data final do prazo de solicitude. Teñen prioridade os mozos e mozas que non teñan participado en anteriores edicións e os solicitantes teñen que estar empadroados no Concello de Mugardos.
 
A concelleira, Lola González, animou aos e ás interesadas a acudir ao Departamento de Deportes do Concello para formalizar a súa inscrición e subliñou que a campaña da Deputación abre, para moitos mozos e mozas, a posibilidade de ter o seu primeiro contacto co deporte do esquí e mesmo coa neve.
 
Consulta o programa e folleto de inscrición.