Xoves, 20 Xuño de 2019

Culmina a consolidación do cine Zárate coa colocación da lona decorada na súa fachada

/ Venres, 11/01/2019 - 09:43
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

Nas vindeiras semanas descubrirase tamén a Fonte dos Catro Canos co seu aspecto orixinal e comezará a reurbanización das rúas Cano e Pixigo.

A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, informou de que, coa colocación dunha lona decorada na fachada, quedaron rematadas as obras de consolidación e desentullo do edificio do antigo Cine Zárate. A responsable explicou que a finais da próxima semana quedará lista tamén a rehabilitación da Fonte dos Catro Canos, unha actuación que está incluída no mesmo proxecto, contratado por 110.005,06 euros á construtora Ogando e financiado ao cento por cento con fondos municipais.
 
Díaz Otero explicou que xa a finais deste mes van dar comezo as obras de reurbanización das rúas Pixigo e Cano, coas que se redondeará a recuperación da Fonte dos Catro Canos e seguirá avanzando o proceso de recuperación dunha ampla zona no centro urbano de Mugardos, no arredor do Cine Zárate e a Casa do Concello, que ata o de agora estaba moi degradada.
 
A consolidación e desentullo do Cine Zárate, segundo o proxecto aprobado pola Dirección Xeral de Patrimonio, incluiu a instalación dunha estrutura metálica que garante o mantemento das catro fachadas exteriores do edificio, así como a recollida de moldes daqueles elementos singulares cuxa situación impedía o seu mantemento. A actuación abrangueu tamén a eliminación dos muros colindantes co Concello e os “quioscos” anexos ao edificio, que non formaban parte do conxunto protexido, e a reurbanización desa zona cun banco corrido a modo de baranda e protección entre as diferentes alturas. As actuacións no edificio remataron coa colocación, estes días, da lona que cubre a fachada principal e que ten estampadas as liñas principais da construción.
 
En poucos días quedará terminada e á vista a Fonte dos Catro Canos, que data do ano 1880 e que desde unha reforma feita no ano 1952 tiña a súa pedra orixinal tapada. Recupérase agora o aspecto primixenio desta fonte, que nunca deixou de botar abundante auga. A rúa na que está situada vai ser obxecto dunha obra de reurbanización con cargo ao POS+2018, co que o conxunto mellorará sustancialmente con respecto á situación actual. Trátase do proxecto de reurbanización das rúas Pixigo e Cano, adxudicadas no pasado mes de decembro por 130.919,45 euros.
 
Pilar Díaz recordou que todas estas actuacións teñen como obxectivo a rexeneración do casco urbano de Mugardos e a creación dunha gran praza de uso público no centro da vila, para o que o Concello ten dado pasos importantes. Entre eles está a recente adquisición de tres parcelas no entorno do Zárate. O goberno local está tamén a negociar co Ministerio de Facenda a cesión doutras tres, que se sumarían ás de titularidade municipal para conformar esta nova área verde e de lecer.
 
1301