Sábado, 16 Febreiro de 2019

Concentración diante do Centro de Saúde

/ Xoves, 17/01/2019 - 13:40
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/
A protesta terá lugar o vindeiro xoves 24, ás 11.00 horas, para reclamar entre outras cousas que o Sergas cubra as ausencias de profesionais sanitarios.
Sete asociacións de Mugardos acordaron onte, nunha asemblea organizada polo goberno local e que se celebrou no salón de plenos, convocar unha concentración diante do Centro de Saúde para o vindeiro xoves día 24, ás 11.00 horas, para reclamar unha serie de melloras na atención entre as que está a cobertura das ausencias dos profesionais sanitarios e non sanitarios. As eivas na atención do centro xa levou a varios usuarios, no pasado mes de decembro, a iniciar unha recollida de sinaturas para denunciar as reiteradas ausencias de facultativos/as e outros problemas.
 
As asociación que acudiron á asemblea levaron follas para apoiar a devandita recollida de sinaturas, así como información sobre os dereitos do paciente e follas de reclamacións. Hoxe está previsto que fagan entrega xa das arredor de 350 sinaturas reunidas ata o momento.
 
Grupos políticos 
 
Por outra banda, todos os grupos municipais fixeron súas as reclamacións da veciñanza apoiando, na última Comisión de Benestar e Saúde, levar ao pleno de fin de mes un documento no que se solicita unha entrevista co xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Ferrol, Ángel Facio, para abordar a situación do servizo e presentar unha serie de demandas entre as que están a cobertura das ausencias dos profesionais sanitarios e non sanitarios.
 
Na moción ponse de manifesto as ausencias reiteradas do persoal facultativo que non se substitúen. “Temos asignados catro médicos e rara vez están os catro no centro, chegando a haber só un para a atención”, expón o documento. Tamén se denuncia a desatención por parte dos médicos/as que intersubstitúen as ausencias, xa que non dan citas, ou as dan pero fan esperar aos pacientes máis de dúas horas, e se explica que esta situación obriga aos usuarios e usuarias a recurrir ao PAC de Fene e fai que as persoas non conten co seguemento e a atención continuada que precisan.
 
Os grupos políticos mugardeses reclaman a cobertura das vacantes, de maneira que nunca haxa menos de dous facultativos e enfermeiros; unha mellor xestión das axendas de citación e cumprida información ás persoas usuarias das opcións que teñen para os diferentes procesos de consulta –cita previa, atención urxente, trámites administrativos, etc-.