Sábado, 23 Febreiro de 2019

Comezan as obras por valor de máis de 221.500 euros en rúas do Casco Histórico de Mugardos

/ Martes, 29/01/2019 - 15:02
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

As actuacións, nas rúas María, Pixigo e Cano da Rúa, avanzan no programa de rexeneración urbana levado a cabo polo goberno local de Mugardos.

A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, informa de que xa están en execución dous novos proxectos enmarcados no programa de rexeneración do casco histórico de Mugardos. Trátase das obras da rúa María, por un lado, e da reurbanización de Pixigo e Cano da Rúa, actuacións que suman un investimento de máis de 221.500 euros e que, sobre todo no segundo caso, van servir para mudar a situación de deterioro e falta de servizos nestes viais.
 
A empresa Siber Ordes executa o proxecto de “Humanización da rúa María”, adxudicada por 90.629 euros procedentes integramente de fondos municipais. A construtora vén de comezar a levantar o pavimento existente, que estaba roto en moitos puntos, para a continuación colocar outro novo, de máis calidade e uniforme para todo o vial. A obra tamén servirá para instalar a rede de recollida de pluviais no último tramo da rúa, que ata o de agora non existía, e para ordenar e delimitar os espazos para o tránsito de vehículos, para peóns e para estacionamento, aportando máis seguridade e accesibilidade á rúa.
 
As obras en Pixigo e Cano da Rúa están incluídas no POS+2018. Segundo explicou a alcaldesa, é unha actuación cun investimento de 130.919 euros, que servirá para poñer ao día dúas rúas con servizos moi degradados ou inexistentes. O proxecto, que executa a empresa Electricidade Permuy, implica a instalación de novos sistemas de iluminación pública, abastecemento e saneamento, rede de pluviais e outros servizos, así como a colocación dun novo pavimento.
 
En Cano da Rúa está a Fonte dos Catro Canos que vén de rehabilitarse, unicamente faltan algúns remates, no marco do proxecto de consolidación do Cine Zárate, polo que da continuidade ao proceso de rexeneración posto en marcha polo actual goberno local e servirá para completar a recuperación neste punto.
 
1317