Venres, 19 Abril de 2019

As obras de renovación da iluminación da Redonda entran na recta final

/ Martes, 29/01/2019 - 15:35
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

As novas lámpadas LED, que se están a instalar na estrada desde a ponte do Esteiro ao Castelo, reducen considerablemente a contaminación lumínica.

A alcaldesa, Pilar Díaz, informa de que están avanzadas xa e que, se o tempo o permite, quedarán rematadas esta semana as obras de substitución da rede pública de iluminación na zona da Redonda, unha actuación que se acometeu cun orzamento de 29.993,50 euros, procedentes de fondos municipais. O proxecto consiste na renovación das anteriores lámpadas de vapor de sodio por outras de tecnoloxía led, máis eficientes e menos contaminantes, en toda a estrada da Palma, desde a ponte do Esteiro, no Baño, ata o Castelo, así como na Redonda de Arriba e de Abaixo e nas Viñas.
 
É unha zona con moitas árbores na que o tendido antigo sufría moi frecuentemente caídas e averías, problemas que van quedar solucionados con esta actuación. Na mesma tamén está incluído o cambio dun cadro eléctrico e algúns postes en mal estado. Actualmente, segundo informou a alcaldesa, xa están cambiadas as lámpadas ao longo da estrada, desde o castelo da Palma ata Esteiro, e quedan por completar as obras na Redonda de Arriba e de Abaixo e nas Viñas.
 
O goberno local tivo inicialmente o devezo de acometer unha actuación máis ambiciosa nesta zona, para o que pediu conxuntamente con Ares, unhas axudas para renovar tamén a rede na estrada que vai cara a Cervás e desde o Esteiro ata o Parque Campo da Catedral. Porén, a solicitude veu rexeitada e o Concello acometeu a parte máis urxente.
 
As actuais lámpadas, subliñou a alcaldesa, recuden considerablemente a contaminación lumínica, adecuando a cantidade de luz ás necesidades reais das persoas e vehículos que transitan pola zona.