Xoves, 18 Xullo de 2019

Pepitas 2019

/ Martes, 05/02/2019 - 15:44
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A concelleira de Cultura, Lola González, informou de que o prazo de inscrición está aberto e subliñou que se trata de contribuír a crear un ambiente festivo durante o mes de marzo.

O Concello de Mugardos organiza, coa colaboración da Rondalla Mugardesa, o programa da celebración das Pepitas na vila, coa novidade este ano do I Concurso de Adornos de Balcóns e Fiestras. Segundo explicou Lola González, a concelleira de Cultura, o obxectivo é contribuír a crear un ambiente festivo arredor destes actos, de longa tradición na vila, e animar a veciños e veciñas a participar nel adobiando as súas casas. A edil e a alcaldesa, Pilar Díaz, mantiveron este luns unha reunión con José Antonio Bouza, Vicente Teijeiro e Rosa Núñez Vilar, presidente, vicepresidente e secretaria, respectivamente, na directiva da Rondalla Mugardesa para ultimar a organización destes eventos.
 
Segundo as bases do Concurso de Adornos de Balcóns e Fiestras Pepitas 2019, o certame está aberto a todos os veciños e veciñas do termo municipal, coa condición de que a súa decoración poda ser vista desde a rúa e que a temática estea relacionada coa música e as rondallas. Será precisa a inscrición previa, antes do 28 de febreiro, no correo rondalla_mugardesa@hotmail.com ou no departamento de Cultura do Concello, en horario de 09.00 a 14.00 horas. Os balcóns deberán estar adornados desde o 1 ata o 24 de marzo.
 
O certame terá un único gañador, que será obsequiado cunha cinta conmemorativa da Rondalla Mugardesa e unha ronda. O fallo do xurado darase a coñecer o día 15 de marzo.
 
ACTOS DAS PEPITAS
 
Por outra banda, todo está preparado para a celebración, no vindeiro mes de marzo, dos actos de honra das Pepitas. O Casino Mugardés acollerá o día 2 a presentación da Madriña da Rondalla Mugardesa, ás 19.00 horas. Para o día 16, tamén a partir das 19.00 horas, está prevista a xa tradicional presentación da Madriña no balcón do Concello, desde onde a Rondalla local comezará unha ronda polas rúas da vila.
 
O día 19 de marzo, ás 13.00 horas, haberá unha nova ronda pola vila da Rondalla Mugardesa, desta volta con parada na casa gañadora do concurso de balcóns e fiestras, e o día 22, a partir das 20.00 horas, será a tamén tradicional ronda polo Seixo.
 
Finalmente, o día 23 de marzo terá lugar o Certame de Rondallas no Casino Mugardés, no que participarán a agrupación local e outras doutros puntos da contorna. As formacións realizarán unha ronda pola localidade a partir das 17.30 horas e ás 19.00 horas comezarán as súas actuacións no Casino.
 
1319
 
 
1320
 
1321