Luns, 23 Setembro de 2019

Comeza a obra de mellora medioambiental do Parque de Roibeiras

/ Xoves, 07/02/2019 - 15:44
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A actuación conta cun orzamento de 13.862 euros e inclúe a renovación dos elementos de xogo e a plantación de novas árbores dunha especia autóctona.

A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, informa de que xa deron comezo as obras do “Proxecto de Mellora Medioambiental do Parque de Roibeiras”, en Simou, unha actuación que vai dirixida a mellorar esta área de lecer para as familias co arranxo dos elementos de xogo e a plantación de árbores autóctonas. A empresa Jardincelas ocúpase da intervención, cun orzamento de 13.862,50 euros, e o Concello de Mugardos acométea contando cunha axuda do Plan Complementario de Medioambiente da Deputación da Coruña, que cubre o 22% do importe. O 78% restante vai a cargo de fondos municipais.
 
A actuación abrangue a adecuación dos xogos infantís do parque, para adaptalos á normativa actual e garantir as condicións de seguridade. Arranxarase algúns dos elementos que xa hai e outros terán que ser substituídos. Tamén farase unha limpeza de toda a área, incluíndo o curso do río que pasa por alí, e farase unha replantación de árbores, nomeadamente carballos, para revalorizala con especies autóctonas.