Venres, 22 Febreiro de 2019

O pleno do Concello de Mugardos aproba a habilitación do crédito para renovar a Rede Pública de Iluminación

/ Luns, 11/02/2019 - 09:13
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O Concello consigna 48.126 euros que se sumarán ás axudas de 192.504 euros do IDAE tramitadas polo goberno para levar adiante o proxecto de eficiencia enerxética.

O pleno do Concello de Mugardos aprobou na sesión do pasado venres a modificación de créditos precisa para habilitar unha partida de 48.126 euros e sacar así adiante un ambicioso proxecto de renovación da rede pública de iluminación, para o que o goberno local ten xestionado 192.504 euros de axudas procedentes do Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE). Segundo informou a alcaldesa, Pilar Díaz, son fondos europeos dun programa dirixido a potenciar o paso a unha economía baixa en carbono, que servirán para que Mugardos conte con farois máis eficientes, menos contaminantes e con menor consumo.
 
O investimento total, sumadas as axudas do IDAE e a parte de fondos municipais agora habilitada, suma 240.630 euros. O proxecto contempla o cambio de máis de 400 puntos de luz de vapor de sodio por outros de tecnoloxía LED en diferentes vías do casco urbano e rural do municipio, así como a renovación de cadros de protección, medida e control. A renovación do sistema de iluminación afectará ás seguintes vías: Avenida de Galicia, Lousido, San Telmo, Rúa Alta, Apelón, San Fernando, Travesía Apelón, María, Real, Pixigo, Cotellón, Rosalía de Castro, Cantón de Cora, O Peteiro, Avenida do Mar, Contramaestre Casado, Bóveda, Fene, Eduardo Pondal, Catroventos, Ferrol, Casás, Os Casás, Os Pedrosos e Avenida do Seixo.
 
O goberno local de Mugardos vén traballando neste proxecto desde o verán de 2017, cando encargou unha auditoría enerxética que serviu para xustificar a solicitude das axudas. Aquel informe detallou o estado actual da rede pública de iluminación, con lámpadas e cadros que presentan un estado de conservación regular ou malo e que conlevan unha pérdida importante de eficiencia enerxética. Coa execución das obras Mugardos adoptará un modelo enerxético máis respectuoso co medio ambiente e aforrará cartos no consumo eléctrico.