Venres, 19 Abril de 2019

O pleno do Concello de Mugardos ratifica a resolución da alcaldía para o POS+2019

/ Luns, 11/02/2019 - 15:44
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A votación salva axudas provinciais por valor de 236.493,99 euros.

O pleno do Concello de Mugardos aprobou hoxe a proposta do goberno local para o investimento dos fondos procedentes do Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña, un total de 236.493,99 euros que Mugardos tería perdido sen esta ratificación. A votación salva investimentos por valor de 224.412,42 euros, dos que preto do 99% son custeados polas axudas provinciais, e un orzamento de 14.434,26 euros procedente tamén do POS+2019 que se vai destinar a pago de proveedores e gastos correntes.
 
Segundo informou a alcaldesa, Pilar Díaz, a resolución permitirá acometer os seguintes proxectos:
  • Pavimentación en San Vitorio: orzamento de 36.772,30 euros, integramente aportados pola Deputación Provincial, para o arranxo dun vial duns 145 metros de lonxitude.
  • Pavimentación rúa Seaña: o custo da obra é de 109.490,73 euros dos que o Concello so aportará 671,74 euros. Consistirá no amaño dun vial que percorre máis dun quilómetro e que actualmente está nun estado moi deficiente.
  • Saneamento en Areosa e drenaxe do Seixo: proxecto orzamentado en 33.103,75 euros, dos que a Deputación aporta 31.758,16 euros e o Concello 1.345,59 euros, para dotar de saneamento a unha zona na que as vivendas sufren actualmente frecuentes inundacións por estar a unha cota máis baixa que a estrada.
  • Pavimentación do Camiño de Franza, As Viñas e Vilar: a Deputación sufraga 44.801,28 euros dos 45.717,38 euros que custa esta obra, de mellora de tres viais que suman máis de 600 metros.
  • Pago a proveedores e gasto corrente: coa finalidade de non perder axudas da Deputación, o goberno consignou 3.080,38 euros para pago a proveedores e outros 11.262,88 para gasto corrente.
  • Plan Complementario: na mesma resolución aprobada hoxe polo pleno inclúese tamén a proposta para o plan complementario da Deputación, que se financiará con cargo ás baixas das adxudicacións. Neste apartado vai a ampliación de rede municipal de abastecemento de auga potable no Vilar (Franza) e na rúa Yáñez Bacía, cun importe de 56.928,22 euros, e a compra dun coche para a Policía Local, por valor de 30.000 euros, actuacións que aínda incrementarán máis os fondos provinciais destinados ao municipio de Mugardos.