Martes, 26 Marzo de 2019

O goberno local tramita axudas para financiar o futuro aparcamento de autocaravanas

/ Luns, 18/02/2019 - 08:55
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A actuación será respectuosa coa contorna, na ubicación e materiais empregados, e servirá para poñer en funcionamento unha infraestrutura única nos municipios do sur da ría.

O goberno local de Mugardos vén de formalizar unha solicitude de axudas por valor de 45.000 euros, ao abeiro da recente convocatoria da Consellería de Cultura e Turismo para actuacións de mellora de infraestruturas turísticas no medio rural, coa finalidade de cofinanciar o futuro aparcamento de autocaravanas que se proxecta na zona do Baño. A alcaldesa, Pilar Díaz, recordou que recentemente se aprobou en Comisión Informativa de Urbanismo, por unanimidade de todos os grupos, tramitar o cambio de usos da parcela, de uns 2.000 metros cadrados, para poder levar adiante o proxecto. Subliñou tamén que o de Mugardos será o único estacionamento para autocaravanas na banda sur da ría e que virá diversificar e mellorar o atractivo turístico da localidade.
 
A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz Otero, explicou que o proxecto ten un presuposto de execución de 98.514,74 euros e que vai ser especialmente respectuoso coa contorna, tal como por outra parte esixe a devandita convocatoria da Xunta, coa finalidade de garantir a harmonización co medio e o menor impacto visual. Comentou tamén que o uso desta área de estacionamento seguirá a regulación establecida, de maneira que estará prohibido cociñar fóra dos vehículos, colgar roupa ou despregar calquer outro elemento.
 
A área de autocaravanas estará situada na mesma zona na que vai ir o pumptrack, nunha parcela que vai quedar calificada como de equipamento residencial-turístico-recreativo. Na memoria do proxecto defínese a habilitación dun total de 13 plazas para este tipo de vehículos, nove máis grandes e catro máis pequenas atendendo ás dimensións das autocaravanas, así como unha zona de lecer con mesas e bancos de madeira, que estará delimitada por unhas losas de granito similares ás da urbanización adxacente de chalés pareados.
 
O pavimento da zona de aparcamento será de formigón lavado que lembrará o aspecto dos antigos camiños de tapacuña. Na mesma contémplase a instalación de iluminación, abastecemento de auga e saneamento, cun punto para o vaciado das sentinas con auga corrente para evitar malos olores. O aparcamento das autocaravanas non entorpecerá a vista sobre a ensenada do Baño desde as vivendas colindantes e tampouco será visible desde a beiramar.