Martes, 26 Marzo de 2019

Están en marcha as obras de mellora do Camiño de San Vitorio e o acceso á Igrexa de San Xoán

/ Mércores, 06/03/2019 - 14:15
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A actuación corre a cargo do POS+2018, cun orzamento de 119.550 euros.

A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz Otero, informou de que están en marcha xa desde hai uns días as obras de renovación do firme do Camiño de San Vitorio e o acceso á Igrexa de San Xoán, unhas obras que foron adxudicadas á empresa Electricidad Permuy por un orzamento de 119.550 euros. Trátase dunha das actuacións que se executan no municipio con cargo ao POS+2018 da Deputación da Coruña, de maneira que a administración provincial aporta en torno ao 95% do investimento e o resto corre a cargo do Concello.
 
O Camiño de San Vitorio está composto por catro tramos diferenciados que parten do mesmo punto, na parroquia de Franza. O camiño sur ten 122 metros de lonxitude e un ancho medio de 3,70 metros; o este percorre 47 metros ata o cruce do Penso e conta cun ancho de 4,50 metros; o camiño norte ten 121 metros e 5,50 de ancho e o cuarto tramo é a praza da capela de San Vitorio. A obra afectará tamén ao acceso á Igrexa de San Xoán, un vial en sentido este-oeste que vai desde a rotonda da AC-122 ata a igrexa, con 145 metros de lonxitude e un ancho medio variable dos cinco aos 12 metros.
 
A obra consiste no levantamento do firme actual de formigón, a preparación da caixa e a aplicación dun novo pavimento asfáltico. É unha actuación máis no programa de mellora de camiños municipais que está a executar o goberno municipal de Mugardos e que xa se traduciu na pavimentación da máis de medio cento de viais.
 
1371