Martes, 26 Marzo de 2019

O Concello de Mugardos abre coa concentración de mañá os actos arredor do día da Muller

/ Xoves, 07/03/2019 - 14:38
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O Concello ten desde onte colgada a pancarta co lema “Por todas as mulleres, por todos os dereitos, revolta feminista”.

O Concello de Mugardos convoca á cidadanía a sumarse mañá á concentración con motivo do 8-M, coa que abre un programa de actos culturais para apoiar as reivindicacións pola igualdade. A concentración de mañá será diante do Concello, ás 12.00 horas, e desde onte xa pende do balcón do consistorio a pancarta co lema “Por todas as mulleres, por todos os dereitos, revolta feminista”.
 
O día 10, domingo, o Casino Mugardés acollerá o espectáculo da compañía Af Ndanza, de Uganda e pertencente ao proxecto humanitario “Música para salvar vidas”.
 
O Centro de Interpretación de Caldoval programou unhas visitas guiadas para conmemorar o 8-M, Día Internacional das Mulleres. A convocatoria é para o sábado 9, data na que, baixo o lema “A muller e os baños romanos”, se invita ao público a percorrer e contemplar o xacemento desde o punto de vista feminino, aproximándose á vida das romanas. Haberá catro visitas guiadas, ás 11.00, 13.00, 18.00 e 19.00 horas e as persoas interesadas en asistir poden inscribirse gratuitamente.
 
Por outra banda, este sábado rematan os actos do Entroido coa merenda e baile que terá lugar no Local Social de Maiores, entre as 18.00 e as 21.00 horas, para veciños e veciñas de máis de 55 anos. Sortearanse produtos típicos de Entroido entre as persoas que vaian disfrazadas.