Martes, 26 Marzo de 2019

A escritora e xornalista Rosa Montero ofrecerá este venres unha charla en Mugardos

/ Luns, 11/03/2019 - 17:25
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O acto, co que se pecha o programa do 8-M, terá lugar no Casino ás 20.30 horas.

A xornalista e escritora Rosa Montero (Madrid, 1951) pechará o venres en Mugardos o programa de actos organizado polo Concello de Mugardos arredor do 8-M e as reivindicacións de dereitos para as mulleres. A concelleira de Cultura, Lola González, invitou á veciñanza non so da vila, senón de toda a contorna, a participar no acto, que terá lugar ás 20.30 horas no Casino Mugardés. Rosa Montero conversará coa tamén xornalista Susana Pedreira, de Onda Cero, nunha charla que de seguro deambulará entre a experiencia vital, a literatura e o feminismo, un movemento no que a autora milita activamente.
 
Rosa Montero estudou xornalismo e psicoloxía e traballou en varios medios de comunicación antes de comezar, en 1976, a súa traxectoria no diario El País, no que continúa. É coñecida a recoñecida a súa faceta como entrevistadora –recibiu o Premio Mundo de Entrevistas en 1980-, aínda que ten cultivado con éxito todos os xéneros xornalísticos. Recibiu en 1980 o Premio Nacional de Periodismo e en 2005 o da Asociación de Prensa de Madrid por toda a súa carreira. No eido literario, é autora dunha vintena de libros, fundamentalmente novelas, polos que ten recibido diferentes galardóns. O último leva por título “Los tiempos del ocio” e constitúe a terceira entrega das aventuras de Bruna Husky, unha droide de combate nun Madrid do futuro. Segundo a autora, pese a ser unha historia de ciencia ficción, é tamén moi realista, unha metáfora da actualidade e un reflexo das teimas da autora como a desesperación polo paso do tempo e a paixón pola vida.
 
1379
 
Axenda
 
Por outra banda, nos vindeiros días Mugardos vai acoller outros actos enmarcados tamén no programa do 8-M. Así, o CEIP Unión Mugardesa inaugura mañá, día 12, ás 12.00 horas, unha exposición froito do proxecto educativo “A Nosa Historia”. A mostra, formada por paneis con fotografías aportadas polo alumnado, é unha reflexión arredor da importancia dos coidados e do papel que teñen as mulleres neles. A exposición vai permanecer aberta aos pais e nais do centro os martes, de catro a seis da tarde, aínda que máis adiante o Concello vaina levar por outros puntos do municipio.
 
Tamén na tarde do venres, ás cinco no salón de plenos, terá lugar a entrega dos premios do certame literario escolar “Figuras Ocultas”, que convocou o Concello para dar visibilidade ás historias, loitas ou logros das mulleres de Mugardos.
 
Fóra do programa do 8-M, o vindeiro domingo será a presentación da madriña da Rondalla de Mugardos no Concello. O acto, que forma xa parte tradicionalmente do programa de Pepitas na vila, será ás 12.00 horas e consistirá na actuación da agrupación ao pé do balcón do consistorio, onde estará a súa madriña deste ano, Julia Torres Calvo. A continuación, a formación fará unha ronda pola vila.