Martes, 21 Maio de 2019

Mugardos acolle mañá unha charla coa escritora e xornalista Rosa Montero

/ Xoves, 14/03/2019 - 16:11
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A autora conversará coa tamén xornalista Susana Pedreira nun acto de entrada libre, ás 20.30 horas no Casino Mugardés.

A xornalista e escritora Rosa Montero (Madrid, 1951) estará mañá en Mugardos para ofrecer unha charla que pecha o programa de actos organizado polo Concello de Mugardos arredor do 8-M. A cita será ás 20.30 horas no Casino Mugardés, con entrada libre.
 
O formato do encontro será o dunha charla entre a autora e a tamén xornalista Susana Pedreira, de Onda Cero, na que haberá ocasión de compartir experiencias vitais, consideracións sobre a súa obra literaria e tamén sobre o feminismo, un movemento no que a autora milita activamente.
 
Rosa Montero estudou xornalismo e psicoloxía e traballou en varios medios de comunicación antes de comezar, en 1976, a súa traxectoria no diario El País, no que continúa. É coñecida a súa faceta como entrevistadora –recibiu o Premio Mundo de Entrevistas en 1980-, aínda que ten cultivado con éxito todos os xéneros xornalísticos. Recibiu en 1980 o Premio Nacional de Periodismo e en 2005 o da Asociación de Prensa de Madrid por toda a súa carreira. No eido literario, é autora dunha vintena de libros, fundamentalmente novelas, polos que ten recibido diferentes galardóns. O último leva por título “Los tiempos del ocio” e constitúe a terceira entrega das aventuras de Bruna Husky, unha droide de combate nun Madrid do futuro. Segundo a autora, pese a ser unha historia de ciencia ficción, é tamén moi realista, unha metáfora da actualidade e un reflexo das teimas da autora como a desesperación polo paso do tempo e a paixón pola vida.
 
Tamén mañá, ás 17.30 horas no salón de plenos, terá lugar a entrega dos premios do certame literario escolar “Figuras Ocultas”, que convocou o Concello para dar visibilidade ás historias, loitas ou logros das mulleres de Mugardos. Na categoría de nenos e nenas de quinto e sexto curso de Primaria o gañador é Pablo Gallego Morgade, pola redacción “Luces na sombra”, e leva unha mención especial Lara Pérez Matorras por “Mugardesas”. Na categoría de 1º y 2º de ESO o premio é para Annaig Nogales Núñez, pola redacción “A miña heroína” e entregarase tamén unha mención especial a Lara Fernández Toimil e Ainhoa Luces Rodríguez por “A avoa Loli”.
 
Fóra do programa do 8-M, este domingo será a presentación da madriña da Rondalla de Mugardos no Concello. O acto, que forma xa parte tradicionalmente do programa de Pepitas na vila, será ás 12.00 horas e consistirá na actuación da agrupación ao pé do balcón do consistorio, onde estará a súa madriña deste ano, Julia Torres Calvo. A continuación, a formación fará unha ronda pola vila.