Luns, 27 Maio de 2019

Rematan as obras de mellora do Camiño Ancho, Lavadoiro e Pontellas, en Simou

/ Xoves, 14/03/2019 - 10:09
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

Investíronse máis de 57.600 euros con cargo ao POS+2018, cunha aportación da Deputación Provincial superior ao 83%.

A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, informou de que están practicamente rematadas as obras de mellora do Camiño Ancho, Lavadoiro e Pontellas, na zona de Simou, que o Concello executa con cargo ao programa POS+2018. A actuación contou cun presuposto de 57.641,39 euros e representa un paso máis no programa de arranxo dos viais de titularidade municipal que o actual goberno ten en marcha e que puxo xa ao día máis de medio cento de camiños. Neste caso, a intervención afecta a tres da zona de Simou.
 
No POS+2018, financiado coas baixas do POS, consignáronse para esta obra 48.249,96 euros da Deputación da Coruña e 9.391,43 euros do Concello de Mugardos. Os tres camiños pertencen á zona de Simou, na esquina suroeste do municipio, e o seu estado precisaba dunha posta ao día que, como no resto do programa de mellora de viais do Concello, se fai con criterios de sostenibilidade e durabilidade. O Camiño Ancho ten 227 metros de lonxitude, o Camiño do Lavadeiro percorre 373 metros, e o de Pontellas sae de Roibeiras e vai ata o límite do concello, ao longo de 502 metros. Todos teñen un ancho medio de 3.50 metros.
 
A actuación consistiu na limpeza de gabias, recheo de foxos e aplicación dunha nova capa de asfalto. As obras están pendentes unicamente da sinalización e últimos remates.