Martes, 26 Marzo de 2019

O Goberno levará a comisión unha proposta para a Comisión de Asuntos Portuarios

/ Venres, 15/03/2019 - 09:32
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O Concello de Mugardos ten que expor as súas suxestións para o procedemento de reversión de terreos portuarios.

A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz Otero, achegará á comisión de Urbanismo do vindeiro día 20 unha proposta para trasladar á Fegamp, e que esta á súa vez levará á Comisión de Asuntos Portuarios, cunha serie de aspectos e criterios a ter en conta á hora de establecer o procedemento de reversión de terreos portuarios. Díaz acudiu o pasado día 12, xunto cun técnico municipal, a unha reunión co director xeral da Fegamp, José Manuel Chapela, na que se lle trasladaron a proposta de criterios feita pola Comisión de Asuntos Portuarios para abordar este tipo de reclamacións. As administracións municipais interesadas deberán agora presentar as súas suxestións antes do vindeiro día 29 deste mes.
 
A devandita Comisión de Asuntos Portuarios foi constituida por Portos de Galicia e a Fegamp para abordar as reclamacións de desafectacións de terreos portuarios de diferentes concellos galegos, entre eles Mugardos. Segundo quedou exposto na reunión do pasado martes, dita comisión propón uns criterios para levar adiante o procedemento de a reversión de terreos portuarios concluíndo que “se trata dun proceso longo e complexo, no que interveñen moitas administracións”.
 
É un procedemento que pode alongarse dez ou quince anos, segundo explicou a alcaldesa, Pilar Díaz. De ahí que, entre as suxestións do Concello de Mugardos estea que casos como o de Mugardos, no que o porto sostén a trama urbana, poidan ter prioridade.
 
Na proposta tamén vai o requerimento de criterios para poder levar a cabo os trámites, que no caso de Mugardos deberán comezar por un informe de “innecesariedade” dos terreos baseado nunha Delimitación de Espazos e Usos Portuarios (DEUP). Na proposta que a alcaldesa levará á próxima Comisión de Urbanismo proponse solicitar a Portos que estableza os criterios para que o Concello poida levar a cabo a devandita DEUP e que, namestres se tramita a reversión de terreos, a administración local conte xa coa dispoñibilidade dos mesmos coa finalidade de cumprir coas obrigas municipais, como son o abastecemento, acceso rodado, etc. Tamén especifica a proposta do goberno que é preciso incluír a reversión dos inmobles que se atopan en terreos portuarios.
 
Pilar Díaz recorda que a reclamación do Concello de Mugardos se refire a “espazos que hoxe en día non teñen uso portuario, que están integrados na zona urbana e que son fundamentais na articulación da vida cotiá da cidadanía desta vila”. Entre outras cousas, a administración local deixaría de depender das limitacións que supón o decreto de actividades autorizables aprobado por Portos, e deixaría de pagar taxas ao organismo autonómico para facer uso deses espazos.