Venres, 15 Novembro de 2019

Uns 200 escolares de Mugardos e Ares daranse cita en Caldoval para participar nos "I Ludi Mugardensis"

/ Venres, 29/03/2019 - 08:51
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A edil Lola González destaca que é un programa dirixido a fomentar a convivencia, a práctica deportiva e tamén un mellor coñecemento da cultura romana.

Escolares de 5º e 6º de Primaria dos centros educativos de Mugardos e Ares participarán o vindeiro día 11 de abril nos “I Ludi Mugardensis”, unha sorte de olimpíadas con competicións en 10 deportes dos que adoitaban practicar na antigüidade os gregos e romanos. A cancha de xogos que o Concello de Mugardos inaugurou no exterior do Centro de Interpretación de Caldoval o pasado verán acollerá, de dez da mañá e a unha da tarde, esta nova proposta. A concelleira de Cultura, Lola González, destacou que, con ela, o Concello de Mugardos quere fomentar a convivencia e os hábitos saudables entre os nenos e nenas, ao tempo que impulsa un mellor coñecemento da cultura romana.
 
Arredor de 200 rapaces e rapazas serán os deportistas destes “I Ludi Mugardensis”, nos que se desenvolverán xogos de noces, practicados habitualmente durante a infancia; xogos de adultos, como o Trigón, do que era afeccionado o propio emperador Augusto; exercicios realizados para o adestramento militar, como o tiro con arco ou a esgrima e por último deportes herdados da Grecia antiga coma o salto de lonxitude con “halteras” (pesas), que formaba parte do “pentahlon” clásico.
 
Abril, o mes escollido para o “I Ludi Mugardensis”, estaba dedicado en Roma á deusa Venus e nel desenvolvíanse varias celebracións que conmemoraban o inicio da primavera. Era por tanto un período de xogos e festas. Caldoval e o Concello de Mugardos fan a súa homenaxe á primavera e ao deporte o día 11, unha xornada que tradicionalmente non era festiva senón máis ben de transición entre os “Ludi Megalenses”, dedicados á deusa Cibeles e o as “Festas Ceriais”, na honra de Ceres. Con todo, o obxectivo principal é gozar dunha xornada de convivencia entre alumnado de diferentes centros educativos, divertíndose, facendo exercicio físico e ao mesmo tempo aprendendo do pasado romano.
 
O Centro de Interpretación de Caldoval vai camiño de superar este ano o número de visitas de centros educativos do curso pasado, o primeiro que estivo aberto. No pasado mes de febreiro xa pasaran polas instalacións máis de 1.200 escolares e o museo tiña pechadas visitas ata maio, o que fixo necesario ampliar o horario de apertura aos xoves pola mañá.
 
Para o público en xeral, o Centro de Interpretación de Caldoval abre de venres a domingo, en horario de 10.30 a 14.00 e de 16.30 a 20.00 horas, con entrada gratuíta e visitas guiadas e actividades dirixidas especialmente ás familias. As persoas interesadas poden chamar ao 687 072 116.
 
1423