Xoves, 25 Abril de 2019

Está aberta ata o día 10 a inscrición para a III Milla Nocturna "Concello de Mugardos"

/ Venres, 05/04/2019 - 09:25
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A proba celebrarase este ano polo Seixo e haberá, como en edicións anteriores, categorías feminina e masculina para todas as idades.

A concelleira de Deportes, Lola González, recorda que está aberto ata o vindeiro mércores, 10 de abril, o prazo de inscrición para a terceira edición da Milla Nocturna “Concello de Mugardos”, que se desenvolverá desta volta polo Seixo, o vindeiro día 13 de abril. A proba está aberta a deportistas de todas as idades, e a organización confía en reunir preto dun centenar de corredores e corredoras, mantendo ou incluso superando a participación das edicións anteriores. A estas alturas hai xa preto de medio cento de inscricións.
 
A III Milla Nocturna “Concello de Mugardos” correrase pola Avenida do Seixo, nun circuíto urbano, de aglomerado, e haberá diferentes distancias segundo as idades.
 
Así, a categoría prebenxamín correrá 150 metros e a meta irá distanciándose ata chegar ás categorías absolutas, masculina e feminina, que farán os 1.609 metros. A liña de saída estará na Avenida do Seixo e as carreiras irán sucedéndose desde as 20.30 horas ata as 21.30, cando comezará a última.
 
A retirada de dorsais será no local da Asociación de Amigos da Paisaxe Galega desde as 17.30 horas ata media hora antes de cada saída. O prezo da inscrición é de 5 euros desde as categorías de sub 23 en adiante, e o resto de balde.
 
As persoas interesadas poden realizar a inscrición xa a través da web www.carreirasgalegas.com.
 
1432