Xoves, 25 Abril de 2019

O Concello de Mugardos executa obras de mellora no CEIP Santiago Apóstolo de Franza

/ Luns, 08/04/2019 - 14:30
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A actuación conta cun investimento de 48.078 euros e permitirá rematar cos problemas de humidades que presenta o centro educativo.

A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, informa de que están en marcha as obras de mellora do CEIP Santiago Apóstolo, unha intervención que se acomete coa finalidade de resolver os problemas de humidades que presenta o centro. Nestas obras invístense 48.078 euros, dos que a Deputación Provincial da Coruña aporta 33.098 a través do programa POS 2018 e o Concello aporta o resto. En total, o centro público de Franza recibiu investimentos por valor de uns 90.000 euros nos últimos dous anos.
 
A actuación consiste na reparación de diferentes eivas que existen na cuberta do centro educativo de Franza, e que estaban a causar a entrada de humidades en diferentes aulas e espazos do colexio. As obras consistirán no levantamento dalgunhas partes da cuberta e a súa reposición, de maneira que mellore a recollida de auga, e tamén na impermeabilización e pintura de todas as fachadas do edificio, para o que xa están postos os andamios.
 
O goberno municipal investiu tamén no ano 2017 máis de 28.000 euros –o 67% destes fondos procedentes dunha subvención de Seitura- na posta en marcha do novo comedor escolar do CEIP Santiago Apóstolo, que permitiu inaugurar o servizo non so no período escolar, senón tamén para o Espazo Infantil de Xogo que o Concello pon en marcha en Navidades e verán coa finalidade de facilitar a conciliación da vida laboral e familiar. Tamén no ano 2017 o Concello de Mugardos destinou 13.867,24 euros á renovación do parque infantil de xogo do centro educativo de Franza.
 
A estes investimentos hai que sumar o arranxo do peche da pista polideportiva. O Concello destinou 6.000 euros a amañar a do centro de Franza e a do CEIP Unión Mugardesa, porén ao Santiago Apóstolo foi preciso repetir os traballos polas accións vandálicas rexistradas.