Martes, 23 Abril de 2019

O Concello de Mugardos e a Cofraría de San Telmo asinan o Convenio para a celebración da Festa da Ameixa

/ Martes, 09/04/2019 - 14:26
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O presidente da Confraría de Pescadores “San Telmo” de Mugardos, Omar Lucci, e a alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, asinaron esta mañá un convenio de colaboración a través do cal a administración local achegará 6.600 euros para a celebración da Festa da Ameixa, o vindeiro día 20 de abril. 

O evento gastronómico terá lugar o segundo sábado da Semana Santa, a partir das 13.00 horas, e aspira a se converter nun atractivo para os moitos visitantes que nesas datas viaxarán á comarca procedentes doutros puntos de Galicia e outras comunidades.
 
A alcaldesa, Pilar Díaz, subliñou que esta festa será a segunda de carácter gastronómico que organiza a vila mugardesa, despois da famosa Festa do Polbo, o que contribuirá a consolidar a imaxe da localidade como un referente en canto á calidade da materia prima e do bo facer da súa restauración, ofrecendo un atractivo turístico importante en datas de vacacións. “Trátase de poñer en valor a ameixa de Mugardos, unha vila que mira ao mar e que quere darlle pulo ao seu sector marisqueiro, maioritariamente en mans de traballadoras e que avanza cara a unha maior profesionalización”, dixo a alcaldesa, que expresou o seu agradecemento áo tecido empresarial, comercial e hostaleiro da vila que tamén colabora na iniciativa.
 
Pola súa banda, Omar Lucci agradeceu o apoio do Concello na iniciativa e falou da importancia do evento para dar a coñecer a calidade da ameixa de Mugardos. A Confraría de Pescadores “San Telmo”, explicou, está moi ilusionada con esta iniciativa, que esperan consolidar no tempo, e volcada tamén noutros proxectos como é a rexeneración dos bancos marisqueiros do Seixo e o Baño, coa finalidade de poder ampliar as concesións e aproveitar mellor os recursos do mar.
 
Estímase que se servirán unhas 2.000 racións de ameixas, equivalentes a uns 500 quilos, a un prezo de 10 euros cada unha. A venda dos tickets para poder gozar deste manxar comezará as 12:00 horas e no prezo irá incluída a ración en cazola de barro de Buño, unha bebida en vaso ecolóxico e pan, ata fin de existencias.
 
Nesa data do 20 de abril funcionará o servizo regular de lanchas desde Ferrol e o Concello habilitará aparcadoiros para facilitar a afluencia.
 
1435