Mércores, 17 Xullo de 2019

Avanzan as obras de mellora do Camiño de San Vitorio e o acceso á Igrexa de San Xoán

/ Mércores, 10/04/2019 - 09:35
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A actuación corre a cargo do POS+2018 e complementa outras dúas actuacións na zona que suman, en total, un investimento de máis de 174.600 euros.

A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz Otero, informou de que avanzan a bo ritmo as obras de renovación do firme do Camiño de San Vitorio e o acceso á Igrexa de San Xoán, que está a executar a empresa Electricidad Permuy por un orzamento de 119.550 euros. Trátase dunha das actuacións que se fan no municipio con cargo ao POS+2018 da Deputación da Coruña, de maneira que a administración provincial aporta en torno ao 95% do investimento e o resto corre a cargo do Concello.
 
O Camiño de San Vitorio está composto por catro tramos diferenciados que parten do mesmo punto, na parroquia de Franza. O camiño sur ten 122 metros de lonxitude e un ancho medio de 3,70 metros; o este percorre 47 metros ata o cruce do Penso e conta cun ancho de 4,50 metros; o camiño norte ten 121 metros e 5,50 de ancho e o cuarto tramo é a praza da capela de San Vitorio, na que actualmente están a executarse os traballos. A obra afectará tamén ao acceso á Igrexa de San Xoán, un vial en sentido este-oeste que vai desde a rotonda da AC-122 ata a igrexa, con 145 metros de lonxitude e un ancho medio variable dos cinco aos 12 metros.
 
A obra consiste no levantamento do firme actual de formigón, a preparación da caixa e a aplicación dun novo pavimento de formigón lavado. É unha actuación máis no programa de mellora de camiños municipais que está a executar o goberno municipal de Mugardos e que xa se traduciu na pavimentación da máis de medio cento de viais.
 
Esta intervención compleméntase con outras dúas que van completar o arranxo dos viais nesta mesma zona. Unha delas é o proxecto de pavimentación de San Vitorio (a estrada da reitoral), que corre a cargo do POS 2019 e que ten un investimento de 36.772,30 euros. A obra suporá o arranxo deste vial, que ten 145 metros de lonxitude, coa limpeza de foxos, recheo de fochancas e aplicación dun pavimento de formigón lavado.
 
A outra é a mellora do Camiño de Franza de Abaixo, que dá acceso á San Vitorio desde a estrada provincial CP-3504 e que vai financiarse coa segunda achega das axudas do programa Agader, por valor de 18.288 euros. O vial, no que se vai renovar o asfaltado, ten 320 metros de lonxitude e catro metros de ancho medio.