Mércores, 26 Xuño de 2019

O programa de andainas "Mugardos Camiña" subirá este domingo ata o Coto de Ancos

/ Mércores, 10/04/2019 - 08:59
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

As persoas interesadas poden inscribirse gratuitamente a través da OMIX.

O programa Mugardos Camiña, que organizan conxuntamente o Concello e a Asociación de Veciños de Montefaro, ten programado para este domingo, 14 de abril, unha saída por terras de Neda. Concretamente, a andaina partirá da Igrexa de Santa María de Neda, ás 10.00 horas, e o grupo realizará a subida ata o coto de Ancos. A concelleira de Cultura, Lola González, lembrou que é un programa gratuíto que goza de gran popularidade entre veciños e veciñas de Mugardos e mesmo de persoas doutros concellos da contorna, que se ten sumado tamén a moitos dos roteiros, nos que se conxuga a actividade física de intensidade media, ao alcance da maioría, co coñecemento do patrimonio e a convivencia.
 
As persoas interesadas teñen que inscribirse na OMIX, de 09.00 a 14.00 horas, ou ben chamar por teléfono -981 470 338, extensión 1- ou enviar un correo electrónico a deportes@concellodemugardos.gal.
 
Outras actividades deportivas
 
Por outra banda, o vindeiro luns, 15 de abril, desenvolveranse unha actividade de iniciación á escalada no rocódromo municipal de Mugardos, situado no interior do pavillón do Cristo. É unha actividade que o Concello programa coa colaboración da Asociación Bestarruza e que está especialmente dirixido ás familias. O programa comezará ás 17.00 horas e prolongarase ata as 19.00 horas, e o prezo de inscrición será de 5 euros por familia.
 
Tamén desde o Concello se informa de que está aberta a inscrición para o programa “Campus Multideporte” que se vai desenvolver no pavillón municipal do Cristo o luns, martes e mércores de Semana Santa, días 15, 16 e 17. A actividade consistirá en xogos adaptados para nenos e nenas, que se desenvolverán nas tres mañás, de 10.00 a 13.00 horas, para dous grupos de idade: de catro a sete e de oito a doce anos. Segundo explicou a concelleira de Deportes, Lola González, é unha proposta dirixida a facilitar a conciliación da vida laboral e familiar durante as vacacións escolares. Hai 24 prazas por grupo, que se adxudicarán por orde de inscrición. O prezo de matrícula é de 8 euros.
 
1438