Xoves, 25 Abril de 2019

Avanza, coas obras nas rúas Pixigo e Cano, a rexeneración do casco histórico de Mugardos

/ Xoves, 11/04/2019 - 14:11
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/
O Concello acomete a reurbanización de ambos viais cun investimento de preto de 131.000 euros con cargo ao POS+2018.
A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, informou de que están en marcha as obras de reurbanización das rúas Pixigo e Cano da Rúa, en pleno casco histórico da vila, coas que o Concello dá un paso máis na rexeneración desta zona. O goberno local levou xa a cabo as obras de consolidación do Zárate, que incluiron a recuperación da Fonte dos Catro Canos e a posta a disposición da cidadanía dunha nova área pública, entre o consistorio e o vello cine, e tamén está a rematar o proxecto de “Humanización da rúa María”. A alcaldesa destacou que todas estas intervencións, sumadas a outras iniciativas como a compra de parcelas por parte do Concello na mesma zona, van dirixidas a recuperar para a cidadanía unha área que, pese a estar no centro urbán de Mugardos, presentaba unha situación moi degradada.
 
A obra de reurbanización nas rúas Pixigo e Cano da Rúa contan cun orzamento de 130.919 euros, que corre a cargo do POS+2019. A empresa adxudicataria, Electricidade Permuy, vai ocuparse de levantar o pavimento actual para colocar un novo, ao tempo que se instalan novos sistemas de iluminación pública, abastecemento e saneamento, redes de pluviais e outros servizos, que estaban moi degradados ou mesmo eran inexistentes nalgúns puntos destas rúas.
 
Está tamén practicamente finalizada a obra de “Humanización da rúa María”, á que o Concello destinou 90.624 euros de fondos municipais, e en breve estará lista a instalación dunha baranda que garanta a seguridade e permita abrir á cidadanía a zona pública situada entre o consistorio e o Zárate, o que suporá na práctica a ampliación da praza do Concello.