Martes, 23 Abril de 2019

Mugardos viaxa este sábado aos guateques dos anos 60 e 70 co grupo Gramola Yé-Yé

/ Xoves, 11/04/2019 - 14:37
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O Casino Mugardés acollerá o evento, ao que están invitados tanto os veciños e veciñas da vila como os de outros municipios da contorna.

A concelleira de Cultura de Mugardos, Lola González, animou vivamente á cidadanía da vila e as xentes da contorna a acudir este sábado ao concerto-baile de Gramola Yé-Yé e viaxar con él aos guateques dos anos 60 e 70. O evento será no Casino Mugardés, a partir das 22.30 horas, con entrada libre e gratuíta para todo o público interesado.
 
Gramola Yé-Yé é un cuarteto formado por guitarra, baixo, batería e voz, cun estilo fresco e festivo. No seu repertorio están moitas cancións dos anos 60 e 70 grupos grupos e intérpretes como Los Diablos, Los Bravos, Karina, Massiel e El Dúo Dinámico fixeron populares. Así, o público poderá bailar ao son de temas tan coñecidos daquela época como “Las Flechas del Amor”, “Un Rayo de Sol”, “Oh Oh Yuly”, “El baúl de los recuerdos” ou o clásico “La, La, La”.
 
Tamén esta fin de semana, neste caso o domingo 14, a Igrexa de San Xiao acollerá o “Concerto Sacro” que organiza o Concello en colaboración coa formación vocal da vila Estelas do Mar. A propia coral, xunto coa formación ferrolá Concerto Tempo, actuarán no devandito templo a partir das 19.30 horas. A entrada será libre e gratuíta.
 
Para a noite do vindeiro sábado, xornada na que Mugardos ten tamén a Festa da Ameixa, queda o segundo concerto-baile destas vacacións de Semana Santa. No mesmo sitio e á mesma hora tocará Gallaecia SmallBand, en cuxo repertorio están tamén temas míticos e moi coñecidos de músicos como Frank Sinatra, Glenn Miller, Paul Anka, Renato Carosone...